Chove en Compostela pero a terraza cuberta do Costa Vella é un bo refuxio para tomar un café e charlar sobre teatro: os premios, a situación actual en Galicia e anécdotas compartidas.

Xuntamos catro finalistas dos Premios María Casares 2023 para que nos conten como recibiron este recoñecemento: Melania Cruz, candidata a Mellor Actriz Protagonista por Continente María (Ainé e A Quinta do Cuadrante); Josito Porto, finalista a Mellor Actor Protagonista por Smoke on the Water (Ibuprofeno Teatro); Dani Trillo, aspirante a Mellor Espazo Escénico por A Peste (Centro Dramático Galego), e Alba Bermúdez, cuxa compañía Galeatro opta a Mellor Espectáculo Infantil por Wombo Combo.

“Cal é a importancia dos premios?”, lanza Josito a pregunta. E a resposta de Dani Trillo semella unánime: “é un recoñecemento por parte da profesión ao traballo pero nunca un premio para ti só, senón para todo o equipo”.

Nesta conversa tamén se fala da situación actual en Galicia e da importancia dos espectáculos familiares para sentar as bases do teatro e inculcar o amor polas artes escénicas desde ben pequeno. “Asusta que un neno ou nena non entenda a obra, pero non pasa nada, tamén ve debuxos que non comprende”, explica Alba Bermúdez.

E como se presenta o futuro para o sector? Para Melania ten que ser unha táboa de salvación: “a presencialidade dá moitas cousas boas, podes establecer un diálogo cunha persoa desde o presencial, desde o virtual é máis complicado”. E iso é o teatro, algo que vives en directo unha vez, que non se repite. Seguro que nesta época de intelixencia artificial aínda quedan bos tempos para esta arte do vivo.

A gala dos Premios María Casares 2023 terá lugar o xoves 30 de marzo. Sorte a todas e todos!

Un café sobre os premios María Casares 2023

Xuntamos catro finalistas dos Premios María Casares 2023 para que nos conten como recibiron este recoñecemento.

Artigos relacionados