E os non-finalistas ao mellor cartel son…

Moito antes do día da función, o espectador fai unha primeira inmersión no espectáculo ao que decide asistir a través do seu cartel. No tempo das redes sociais cambian os formatos e as estratexias promocionais, pero ningunha obra prescinde dunha identidade gráfica coa que presentarse ao público.

Sen embargo son escasos os premios do teatro que poñen en valor o traballo das deseñadoras e deseñadores para levar o espírito dunha proposta escénica á imaxe coa que circulará por todos os medios e canles nas semanas previas á súa representación.

Con motivo da celebración, en pouco máis dun mes, dunha nova edición dos Premios de Teatro María Casares, repasamos os carteis das catro producións con máis candidaturas finalistas e poñemos luz sobre os seus autores e autoras.

O dragón de Ouro (Sarabela Teatro), de José Lameiras

A peza que aspira a un maior número de premios nos María Casares deste ano conta cun deseño de cartel de José Lameiras, que xa se encargou noutras ocasións da identidade gráfica de espectáculos de Sarabela Teatro, como Made In Galiza ou Asemblea Xeral.

Iribarne (ButacaZero), de Patricia Portela

O espectáculo sobre todo o que rodeou á figura de Manuel Fraga chegará á gala do Teatro Rosalía de Castro da Coruña coa posibilidade de levantar ata doce galardóns. O deseño do seu cartel é obra de Patricia Portela, da axencia de comunicación The Office.

Os actos e as profecías (Centro Dramático Galego), de Trisquelia

A axencia pontevedresa Trisquelia encárgase habitualmente da identidade gráfica dos espectáculos do Centro Dramático Galego, como no caso de Os actos e as profecías. A obra dirixida por Tamara Canosa aspira a catro premios nos María Casares.

As gardiás ou o nó do tecelán (Teatro de Ningures), de Diego Seixo

Son tamén catro os premios que pode recibir Teatro De Ningures polo espectáculo que dirixe Cristina Domínguez. O deseñador Diego Seixo é o autor do seu cartel.

Artigos relacionados