Corufest 2026 fai da escena un lugar para a diversidade, a memoria e a reivindicación

Outros

Tras o arranque da súa novena edición a pasada semana, o Corufest continúa desenvolvendo unha programación diversa e transversal que converte a escena nun lugar de encontro arredor da identidade, a memoria e os dereitos culturais. O festival, impulsado baixo o lema ‘unha cidade que acolle, unha cultura que transforma’, encara agora os seus últimos días mantendo a súa aposta pola creación contemporánea e a reflexión.

A novena edición do Corufest continúa a expandirse pola Coruña convertendo distintos espazos da cidade nun mapa de encontro arredor da diversidade afectivo-sexual e das artes escénicas. Desde o pasado 6 de maio, o festival vén desenvolvendo unha programación que combina música, teatro, danza, literatura, pensamento e memoria, consolidándose como unha das citas culturais máis singulares arredor da diversidade no panorama galego.

O festival abriu a súa programación no Teatro Colón co concerto de O Xoán, proxecto musical de Xoán Fórneas, nunha proposta que mestura interpretación, pop e electrónica desde unha mirada escénica contemporánea. A apertura marcou o ton dunha edición que entende a cultura como ferramenta de encontro e transformación social.

Nos primeiros días tiveron tamén lugar a entrega do Recoñecemento Samuel Luiz a Boti García Rodrigo, figura histórica do activismo LGTBIQ+, así como o encontro Escritas desbordadas: Narrar o que incomoda, no que participaron creadoras e autores vinculados á reflexión arredor da identidade, o corpo e as linguaxes non normativas.

A programación incluíu ademais propostas escénicas como Orgía, peza de danza contemporánea arredor do corpo e o desexo, ou Manual para follarse a un macho con vagina, espectáculo que aborda desde o humor e a experiencia persoal a construción da masculinidade trans.

O festival encara agora a súa recta final cunha programación que continuará nos próximos días en diferentes espazos da cidade. A Casa Museo Casares Quiroga acollerá mañá mércores 13 de maio a inauguración da exposición Maricones y travestis a la calle, do artista visual Sergio Marey, unha proposta que recupera a figura de Trinidad Falcés ‘Trini’, muller trans coruñesa represaliada durante o franquismo. A inauguración contará ademais cunha performance do propio artista.

Ese mesmo día, o Teatro Colón acollerá a representación de Manual básico de lengua de signos para romper corazones, obra que aborda as relacións afectivas e a comunicación desde a diversidade funcional. A programación continuará o día 14 no Teatro Rosalía con Caballito de mar, peza escénica de Pau Coya arredor da experiencia dun home trans embarazado, mentres que o Galgo Azul será escenario de distintos encontros arredor dos dereitos culturais e da identidade LGTBIQ+.

A danza regresará o 16 de maio ao Centro Ágora con Nik·Eu 2.0, do proxecto iXa, antes do peche do festival o domingo 17 cun encontro literario protagonizado por Ismael Ramos, coincidindo co Día das Letras Galegas e co Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.

Ao longo destes días, Corufest reafirma unha maneira de entender a programación cultural desde a transversalidade e o diálogo entre disciplinas, xeracións e comunidades. Un festival que non só exhibe espectáculos, senón que constrúe espazos de reflexión arredor da identidade, da memoria e das formas contemporáneas de habitar a escena.

Artigos relacionados