Corufest: artes escénicas para crear referencias LGTBIQ+

Do 4 a 14 de maio chega o Corufest cunha programación que mestura danza, teatro, música, obradoiros e charlas de divulgación para reflexionar sobre a diversidade afectivo sexual.

Outros

Do 4 a 14 de maio chega o Corufest cunha programación que mestura danza, teatro, música, obradoiros e charlas de divulgación para reflexionar sobre a diversidade afectivo sexual.

O xermolo do Corufest, que nace hai cinco anos na Coruña e xa vai pola súa sexta edición, foi o ciclo Colón Queer, onde coincidiron con cadansúa peza os creadores Xosé Leis e Gustavo del Río. E nese momento, deciden organizar o Corufest. “Vimos que na cidade non existía unha programación de artes escénicas vinculada á diversidade afectivo sexual. Estimulounos como posible opción de traballo para ofrecer visibilización porque a razón deste festival é dar referencias para a audiencia”, explica Xosé Leis. Desde a organización intentan que todos os termos das siglas LGTBIQ+ sexan representados así como tamén outros colectivos vulnerables que van xurdindo: curvy, edadismo, racializado… son lugares que están sempre na súa vontade social.

“A día de hoxe somos o único festival destas características da península ibérica”, afirma Leis. Os directores do festival están continuamente coas lentes postas para ver o que se fai no panorama galego, estatal e mesmo internacional para confeccionar unha programación valente e de calidade.

O Corufest abre o xoves 4 de maio a programación deste 2023 coa performance Menú-do día, do Colectivo #ChamizoBelloVila, formado por Alberte Bello, Diego Chamizo e David Vila. A peza xorde como unha investigación a partir do convite do Festival Teatro Mínimo Ambulante. Un dos creadores sofre unha agresión homófoba en plena preparación do proxecto, o que supuxo un xiro para conducir a peza cara á temática das violencias que sofren as persoas LGTBIQ+. Ao día seguinte, o venres 5, VACAburra presenta Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, unha conferencia performativa onde se mesturan coñecementos teóricos e prácticos a través do humor, tendo como eixo central a disidencia sexo-xenérica na escena.

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos | Foto: Manuel G. Vicente

O Corufest chega con propostas diversas. Así, unha cita obrigada é Outrora nós, a peza de teatro físico de Mevadeus, unha compañía galega emerxente que chega pisando forte. Catro mozos e mozas da xeración Z fan unha viaxe para saber de que forma o desexo de amar e ser amados nos forma e nos deforma. Unha busca da identidade que pretende evitar os erros do pasado que aínda nos rodea.

Outrora nós | Foto: Carlota Mosquera

O público tamén poderá gozar do teatro de máscaras con Amour, de Marie de Jongh, unha compañía vasca referente en teatro familiar. Premio MAX a mellor espectáculo infantil ou familiar en 2017, a peza pretende facer reflexionar sobre a delgada liña que existe entre a desafección e o amor incondicional. “Son dúas nenas que se queren moito de pequenas, chega un momento na pubertade na que se enfadan e, xa na vellez, perciben que pasaba outra cousa entre elas. Gustavo e mais eu estabamos namorados do espectáculo porque supón un xeito moi doce de falar das emocións”, conta Leis ao preguntarlle que espectáculo temos que ver todos sen falta. Sen dúbida, unha chamada para liberarnos dos prexuízos. Outra das citas más agardadas será o sábado 13 de maio co monólogo Los días ajenos, de Bob Pop. O televisivo escritor chega cunha proposta cun humor e unha capacidade de análise sorprendentes.

Amour | Foto: Guillermo Casas

A danza ocupa un lugar destacado na programación coa colaboración do TRC Danza do Teatro Rosalía Castro. O 6 de maio, a compañía navarra Led Solhouette ofrecerá o espectáculo Los Perros, onde se reflexiona sobre a deshumanización e o illamento e como a contemporaneidade arrasa os corpos fráxiles, desmembra os máis vulnerables, desfai os inadaptados que se debaten entre a posibilidade de rebelión ou a docilidade. Xa o día 13 de maio, os italianos Ivona presentan Manbuhsona, unha peza que nos fará viaxar ás orixes para conectar coas raíces.

Los perros | Foto: Irantzu Pastor

Domingos de música

A Fundación Luís Seoane encherase de música os mediodías dos domingos. O día 7 de maio chegan Aldaolado co seu Sobre Sorpresa. Lucía Aldao e María Lado falarán daquelas persoas que algunha vez se cuestionan se o que se agarda delas é exactamente o que elas agardan da vida. O festival péchase o 14 de maio con O Rabelo e Mondra. O rapeiro O Rabelo presenta o seu novo traballo Suor, onde volve mesturar o tradicional con sons urbanos. O cantareiro e bailador Mondra chega cunha nova experiencia musical e performativa: As Crónicas d’ARDĒN. Será unha gran festa para poñer fin a dez días cheos de cultura e diversidade.

Xanelas para respirar

O Corufest inclúe actividades de divulgación sobre diferentes temáticas LGTBIQ+ baixo o nome de Xanelas. “Son ventás que abrimos para que todo o mundo poida respirar. Observamos que o público é moi novo”, explica Leis. Ademais, este ano haberá un obradoiro de Auto(ficción) con Carlos Barea e un encontro sobre bullying con Roy Galán e Paco Tomás.

Semella que cando se escribe un manifesto, é un xesto de empoderamento. Porén, aínda custa facer espectáculos que directamente falen de diversidade afectivo sexual. Mais ese é o camiño. “A diversidade sempre está na alteridade, no outro, no que non se fala. As artes vivas permiten que esas persoas que viven no diferente poidan atopar referencias”, responde Leis á pregunta do papel do teatro na educación na diversidade. “Oxalá non tivese que existir Corufest. De feito, a misión de Corufest é desaparecer. Se non foramos necesarios sería marabilloso porque non existiría o outro, o vulnerable”, conclúe. Mentres teña que seguir existindo este festival, o público ten unha oportunidade única na Coruña para poñerse no lugar do outro, comprender e aprender.

Artigos relacionados