Da Man aposta pola compañía emerxente Söa e a súa fusión de danza e teatro físico

Outros

O proxecto Da Man, promovido por AMARELO e Manu Lago co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego, reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea ao lanzar a súa segunda convocatoria para o 2025. Este programa céntrase no acompañamento de artistas emerxentes, ofrecendo ferramentas para o desenvolvemento profesional das súas creacións escénicas.

Na convocatoria anterior, Da Man apoiou dous proxectos que deixaron unha fonda pegada no panorama cultural. Mesura, da galega Raquel Ferradás, foi presentado en nove festivais entre Galicia e Aragón, consolidándose como unha obra de referencia. Ademais, o proxecto Todo esto para nada, do colectivo madrileño A ras de suelo, verá a luz o próximo ano, reforzando a dimensión interrexional do programa.

Para esta nova edición, os artistas seleccionados son Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco, integrantes da Compañía Söa, co seu proxecto de creación, produción e distribución Coa cabeza nas nubes. Este espectacúlo é unha proposta escénica de longo formato pensada para sala e cunha estrea prevista para o 2025.

Da Man ofrece un acompañamento integral en aspectos como a xestión administrativa, o financiamento, a busca de residencias, a distribución e a creación de redes profesionais. O obxectivo deste proxecto é dotar aos artistas das ferramentas necesarias para desenvolver producións profesionais e asegurar a súa sustentabilidade no mercado cultural.

O proxecto multidisciplinar

Fundada en 2022, a Compañía Söa combina música, danza e teatro, ofrecendo propostas que rompen barreiras entre xéneros artísticos. Os seus integrantes, Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco, aportan traxectorias complementarias. Carlota é intérprete de movemento, creadora escénica, improvisadora e cantante, mentres que Martín ten formación como bailarín, actor e especialista en portes acrobáticos e acrodanza.

A súa obra, Coa cabeza nas nubes, explora temas universais como o paso do tempo, a perda da infancia e a relación co noso “neno interior”. Preguntas como “Poderiamos ser nenos sempre?” ou “Cando deixamos de selo?” guían unha reflexión poética e visual sobre o xogo puro e o esquecemento do adulto de que, algunha vez, tamén xogou. Desde o punto de vista escénico, o espectáculo emprega a danza, o teatro físico e o clown como ferramentas para crear unha linguaxe híbrida e innovadora, destacando a riqueza da fusión de disciplinas.

Artigos relacionados