“O libro está mellor” é un dos clixés máis recorrentes cando vemos unha película baseada nunha novela, pero non é tan habitual o “a obra de teatro era mellor”. Será que non somos tan conscientes cando vemos unha película cuxa historia naceu nas táboas? Ou que os libros seguen tendo esa facilidade para vestir calquera cousa dunha importancia artificial? Lonxe de querer afirmar que “a película está mellor”, facemos un repaso por dez filmes baseados en espectáculos que nos gustan e que a ti seguramente tamén che gustaron. Ou non. Se foi así, igual “o espectáculo teatral si que foi mellor”.
Eroski Paraíso

Esta era doada, non? A película de Jorge Coira e Xron non esconde de onde bebe e, ás veces, é difícil distinguir o espectáculo do filme. A historia de Chévere funciona igual de ben nas dúas versións e o traballo coas cámaras case semella un convite a acudir aos teatros e vivir de preto historias como a de Eva e Antonio.
Casablanca

Un dos filmes máis citados e referenciados da historia, que deixou grandes frases e escenas para a lembranza, ten a súa orixe en Everybody Comes to Rick’s, un texto teatral que non se chegou a producir e cuxos dereitos mercou a Warner Bros. por 20.000$, unha suma enorme no seu momento.
Amadeus

Milos Forman levou ao cinema a historia da rivalidade entre Mozart e Salieri cun guión de Peter Schaffer baseado na obra de teatro escrita por el mesmo. Á súa vez, o texto de Amadeus (a obra de teatro) estaba inspirado nunha obra de Aleksandr Pushkin que fora levada á ópera por Nikolai Rimskii-Korsakov. Vamos, que o cinema americano expallou unha historia que xa pasara polas táboas de media Europa.
Peter Pan

O neno que non quería crecer naceu nas historias do escocés J.M. Barrie e tivo o seu primeiro éxito nunha obra de teatro estreada en Londres no 1904. Houbo unha primeira versión muda no 1924 pero foi no 1953, coa versión animada de Disney, cando alcanzou a fama mundial. Dende entón, houbo moitas máis adaptacións en cine, teatro, musicais, danza, series…
Unha historia do Bronx

Unha historia dun home que prefire o traballo honrado aos cartos rápidos que ofrece o crime organizado supuxo o debut na dirección dunha lenda da actuación como é Robert de Niro. Sempre foi vista como unha homenaxe de De Niro ao seu pai, mais a película nace dun espectáculo de Broadway escrito, dirixido e interpretado por Palminteri.
Doentes

Dirixida por Gustavo Balza, o filme adapta a obra homónima de Roberto Vidal Bolaño. Unha historia sobre as inxustizas e os crimes que dominaron a dictadura de Franco. A interpretación valeulle a Morris o seu primeiro Mestre Mateo a actor protagonista nunha gala na que o filme tamén levou o premio a mellor longametraxe de ficción.
A voz humana

Pedro Almodóvar logrou colocar unha curtametraxe nas salas de cine —que non é pouco— coa súa primeira produción en inglés. Falouse moito da interpretación de Swinton, dos problemas para filmar por culpa da pandemia e do feito que foi a curta cunha maior recadación na billeteira da historia en España. Menos se falou do monólogo orixinal de Jean Cocteau, estreado na Comédie Française no 1930.
Arsénico por compaixón

Este clásico de Frank Capra protagonizado por Cary Grant non naceu nas táboas, senón nunha novela de Joseph Kesserling, pero a súa adaptación teatral tivo un enorme éxito en Broadway, o que motivou que finalemente chegara ao cinema. Iso si, aínda que se rematou en 1941, non se estreou nas salas de cinema ata o 44, cando o espectáculo teatral rematou logo de varias temporadas en cartel.
A balea

O regreso a actuación de Brendan Fraser e o éxito na súa presentación no Festival de Venecia foron as principais noticias deste filme de Darren Aronofsky. Este drama, cuxa soberbia interpretación valeulle o Óscar a Fraser, baséase nunha obra de teatro que o seu autor, Samuel D. Hunter, adaptou para o cinema.
Trono de sangue

Despois de evitar conscientemente as adaptacións de obras de Shakespeare, deixamos para o final esta versión de Macbeth con samuráis que Akira Kurosawa dirixiu no 57.