Os teatros sempre foron moito máis que edificios aos que acude a xente para desfrutar dos espectáculos, socializar, distraerse, coñecer as últimas novidades… Os teatros son puntos de referencia xeográfica e sentimental das cidades que habitan e moitas veces desaparecen sen solucións que enchan o enorme baleiro que deixan.
Facemos repaso por dez dos teatros galegos que foron e xa non son.
Gran Teatro (Lugo)
Un dos grandes traumas da cidade de Lugo foi a desaparición do Gran Teatro no 1996. Dous anos antes, o Gran Teatro, que levaba anos funcionando como cine, proxectaba a última sesión co filme ‘Atrapado polo seu pasado’, con Al Pacino, e o edificio de vivendas que hoxe ocupa o seu espazo seguirá tamén atrapado na memoria da cidade como a promoción que levou consigo o último teatro da cidade.
Inaugurado no 1940, o Gran Teatro levantouse no espazo que antes ocuparan o Teatro Circo e o Teatro Principal. Durante máis de 50 anos, polas súas táboas pasaron as mellores compañías e artistas do estado e grandes estreas cinematográficas. As chamas consumiron o seu interior pouco antes de que comezaran os traballos de demolición.
Gran Teatro Circo Tamberlick (Vigo)
Cunha capacidade para 800 espectadores, abría as súas portas no 1882 o Teatro Circo que debe o seu nome ao tenor italiano Enrico Tamberlick, quen inaugurou o recinto coa ópera ‘Poliuto’, acompañado pola orquestra do Teatro Cervantes de Málaga. O Tamberlick tamén acolleu no 1897 a primeira proxección cinematográfica de Vigo e no 1930 a primeira proxección sonora.
O Teatro Circo deixou de funcionar no 1988 e foi derrubado 3 anos máis tarde, conservándose a fachada principal, que dá entrada na actualidade a un patio na rúa Eduardo Iglesias.
Sala Yago (Santiago de Compostela)
No 1946 botaba a andar este proxecto que foi durante anos referencia cultural en Santiago de Compostela. A Sala Yago abría as súas portas na Rúa do Vilar no edificio que ocupara ata entón Correos. Logo de anos funcionando como cine, a finais dos anos 90, Jorge Rey de Títeres Cachirulo comeza a darlle uso ao espazo para funcións de monicreques en paralelo ao uso cinematográfico.
Nos principios dos 2000, Teatro do Noroeste únese a Títeres Cachirulo e deseñan unha programación baseada no teatro, os monicreques e o cinema que se extendeu durante 5 anos ata que volveu pechar por decisión dos propietarios do inmoble. Na actualidade, o edificio continúa pechado e non está claro o seu futuro.
Teatro Cine Fraga (Vigo)
Construído en 1942 no centro de Vigo, o Teatro Cine Fraga é unha das mellores mostras do estilo eclecticista e historicista que se conservan a día de hoxe. O Fraga estreouse no 1948 co filme ‘Botón de ancla’ e funcionou como cine e teatro durante máis de 50 anos ata o seu peche definitivo no 2001.
Na actualidade, o edificio é propiedade de ABANCA e está inmerso nun proceso de reforma que comezou no 2007. O seu uso futuro non está aínda claro, a última opción posta enriba da mesa é que sexa adquirido pola Xunta e pase a funcionar como centro cultural e de arte.
Teatro Circo Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
Inaugurado no 1903, o Teatro Circo Pardo Bazán tivo unha curta vida na cidade da Coruña, xa que no 1915 foi demolido. Inaugurouse cunha representación de ‘A Tempestade’, e tamén acolleu sesións de cinema.
A súa situación ao carón do municipal Teatro Principal xogou na súa contra, xa que para evitar a competencia na concesión incluíronse cláusulas en favor do primeiro. A Autoridade Portuaria ocupa hoxe o lugar onde se levantaba o Pardo Bazán.
Teatro Lemos (Monforte)
Ubicado no lugar ocupado polo antigo Teatro Principal ata o incendio que sufriu no ano 1945, o Teatro Lemos abriu as súas portas no 1947 e mantivo a súa actividade ata 1998. Durante anos foi o único cine de Monforte de Lemos e pola súa sala pasaron moitas das estrelas do teatro que facían parada na súas xiras grazas ao paso do tren pola cidade antes de actuar na Coruña ou Vigo.
Na actualidade, o Teatro Lemos foi removido da paisaxe monfortina e o seu espazo ocúpao un edificio de vivendas.
Teatro Linares Rivas (A Coruña)
Situado no Cantón Grande coruñés, o Linares Rivas recibe o seu nome do dramaturgo compostelán e ocupou a parcela na que posteriormente se levantou o Cine Avenida. Construído no 1920, contaba con butacas para 1.170 espectadores divididos no patio, anfiteatro, galería e diferentes palcos.
A fachada, de estilo modernista, aproveitábase para anunciar as funcións e compañías que visitaban o teatro, dedicando as súas funcións ao teatro, zarzuelas, variedades e tamén proxeccións cinematográficas. No ano 1937, o Linares Rivas foi demolido para realizar a construción do Avenida, inaugurado no 1941.
Teatro Losada (Ourense)
Situado na rúa Paseo do centro ourensán, o Teatro Losada abriu as súas portas no ano 1926 como Teatro Apolo, aínda que todo o mundo o coñecía polo apelido do seu promotor, e tiña capacidade para preto de 1.000 espectadores. Un incendio case acaba con el en 1945 pero seguiu funcionando como teatro de variedades e sala de cine ata o 1996.
Na actualidade, o edificio conserva intacta a súa fachada e o seu interior foi reformado por completo para funcionar como un Zara.
Teatro Rena (Ferrol)
No centro de Ferrol podemos atopar os restos da fachada eclecticista do Teatro Renacimiento, coñecido como Rena. Inaugurado en 1920, funcionou como teatro e cine ata 1989 e dous anos máis tarde un incendio acabou case por completo coa edificación. A súa condición de edificio protexido evitou un derrubamento total, na actualidade os propietarios e as administracións aínda non chegaron a un acordo para a recuperación deste edificio singular que foi referencia na vida cultural de varias xeracións de ferroláns.
Teatro Rosalía de Castro (Vigo)
Inaugurado no 1900, o proxecto levou inicialmente o nome de Teatro Romea e posteriormente Teatro Cervantes e inaugurouse coa ópera ‘Aída’. Un incendio —o martes de Entroido do 1910— acabou co Teatro Rosalía de Castro de Vigo, considerado por moitos o gran teatro de Galicia na altura.
O solar onde estaba ubicado ocúpao agora o Teatro García Barbón (Teatro Afundación Vigo), construído no 1927 e obra de Antonio Palacios.
Formeime en humanidades, aprendín deseño e fotografía e agora dedícome a escribir e desenvolver proxectos audiovisuais e de artes escénicas. A pía de libros por ler sempre é máis grande que a de libros lidos.
As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.
Cookies técnicas
As cookies técnicas son imprescindibles para o funcionamento da web, serven entre outras cousas para saber en que idioma prefires ver a páxina ou se permitiches ou bloqueaches as cookies de terceiros.
If you disable this cookie, we will not be able to save your preferences. This means that every time you visit this website you will need to enable or disable cookies again.
Cookies de análise
Empregamos cookies de terceiros (Google Analytics) para medir e analizar estatisticamente o tráfico da web: as páxinas máis visitadas, a procedencia dos visitantes, etc. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.
Nomes das cookies de Google Analytics: _ga, _ga_<container_id>
Please enable Strictly Necessary Cookies first so that we can save your preferences!
Cookies de publicidade
Empregamos cookies de terceiros (o servizo de newsletter Brevo, antes chamado Sendinblue, e as redes sociais de Meta: Facebook, Instagram e WhatsApp) para mellorar as nosas campañas publicitarias nesas plataformas, analizando o comportamento dos usuarios da web e compartíndoo con elas. Por exemplo, cando un usuario da web merca un produto da tenda online, esa venda pode quedar rexistrada e asociada a ese email tamén en Brevo e/ou Meta. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.