Estes son os finalistas dos XXIX Premios de Teatro María Casares

O pasado 25 de febreiro déronse a coñecer as candidaturas finalistas da XXIX edición dos galardóns que cada ano poñen en valor o talento e a creatividade da escena galega. 17 espectáculos competirán polos galardóns en 16 categorías, nunha lista que combina espectáculos de compañías veteranas con outros de iniciativas máis recentes, reflectindo a diversidade do sector.


O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, é a montaxe máis destacada, con ata catorce seleccións. A obra, que aborda temas como a inmigración, a prostitución e o labirinto das relacións humanas, aspira aos premios ao mellor espectáculo, dirección e adaptación-tradución, entre outros. Moi preto está Iribarne, o espectáculo sobre a figura de Manuel Fraga, de ButacaZero, con doce candidaturas finalistas. Go Home!, de Etiqueta Negra, completa a terna de producións que aspiran ao premio ao mellor espectáculo.

Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego, é finalista nas categorías de dirección, espazo escénico, vestiario e maquillaxe, e As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures opta aos galardóns á mellor dirección, adaptación-tradución e actriz secundaria, sumando así un total de catro seleccións cada unha. 

Entre as obras con dúas candidaturas finalistas figuran Monstros de Producións Teatrais Excéntricas, Eu, Fraude! de Paula Pier, O mundo está roto pero pódese camiñar de Contraproducións, e Pum! Pum! Quen hai? e Non Pasarán, ambas de Ártika Cía.

A gala de entrega de premios, organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terá lugar o 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Artigos relacionados