Elefante Elegante viaxa da infancia á vellez en ‘Kyoki’, unha obra arredor do alzhéimer

Outros

A compañía de teatro de María Torres e Gonçalo Guerreiro chegará ao Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros coa súa nova peza este sábado 27 de xaneiro.

O novo espectáculo da compañía de teatro físico Elefante Elegante, ‘Kyoki’ (palabra que significa “demencia” en xaponés), chegará ao Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros este sábado 27 de xaneiro. A obra aborda o tema do alzhéimer e fai unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria, dando lugar a unha peza destinada ao público infantil e familiar a partir dos seis anos. O obxectivo? Achegar unha ollada sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas como as propias coidadoras.

Os responsables de Elefante Elegante, compañía fundada no ano 2000 e que residiu primeiramente en Bélxica ata instalarse en Galicia no 2007, levan adiante unha proposta sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. As personaxes que compoñen ‘Kyoki’ son unha avoa, a súa filla e unha doutora, todas elas interpretadas por María Torres baixo a dirección Gonçalo Guerreiro, ambos responsables da compañía.

O espazo escénico evoca unha casa, un hospital e unha rúa a un tempo, sendo a escenografía un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos que manipula ao longo da obra. Desta  forma a peza investiga dun xeito poético e cómico a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. 

Artigos relacionados