“Neste espectáculo xogamos a sorprendernos e a namorarnos da comedia de novo”

Son dous cómicos ben coñecidos polo público en Galicia, pero despois de máis de vinte anos de amizade é a primeira vez que xiran xuntos por teatros. Fano con Corentena, un espectáculo que medrou a partir dunha experiencia que Perdomo e Touriñán non van esquecer nunca: as charlas entre diferentes personaxes que improvisaron na pandemia para facer o que mellor saben facer… sacarlle un sorriso a quen máis o necesita cando máis o necesita.

PRIMEIRO DE TODO: COMO LEMBRADES AQUELAS CHARLAS NO CONFINAMENTO?

Perdomo: Empezaron un pouco por necesidade. Cando estabamos na casa inventando cousas a min ocorréuseme escribir un monólogo, pero Touri díxome: “por que non facemos personaxes?”. Foi unha cousa máis orgánica e simple do que a xente pensa. Non houbo reflexión sobre o que iamos facer, senón que o vimos como unha forma de sacarnos partido como cómicos nun momento máis humano que artístico. De aí saíron 50 horas de comedia.

Touriñán: Agora dicimos que axudamos a xente, pero de entrada foi un pouco por pasalo ben nós. Era un xogo. A idea era sacar personaxes como faciamos hai 20 anos: coller un trapo, unhas gafas e ver o que sae. Eu nunca fixera un directo en Instagram, así que tamén era unha forma de descubrir o medio. Cos filtros de vídeo flipamos e as primeiras noites era como “hostia, mira que encontrei!“. De feito hai personaxes como Eduardo que saíron desas probas. Era un pouco como os nenos pequenos que xogan a atopar cousas no armario.

Foto: Aigi Boga

ERADES CONSCIENTES DO BEN QUE FACÍAN ESES DIRECTOS NA XENTE?

Touriñán: A verdade é que te sorprendías, sobre todo coas mensaxes doutros cómicos que facían iso en toda España e que nos dicían se sabiamos o que estabamos a facer porque había moita xente seguindo aquilo. Cando cerrabamos chegabamos case ata as 30.000 persoas que pasaran a vernos nalgún momento. O mellor foi cando empezamos a recibir mensaxes de agradecemento de xente que o pasaba mal, que che dicía que viña rebentada de traballar no hospital ou que era a única hora do día na que ría. Mesmo nos pedían se o podiamos atrasar ou gravar para ver despois. Sentías que ademais de facelo para un mesmo, por egoísmo e pasalo ben, tamén lle facías o ben a outros. 

Perdomo: Os monologuistas soben ao escenario, reciben aplausos e escoitan que son uns cracks, pero isto transcendía iso. Estabamos facendo un servizo social. Independentemente de que eu me estaba rindo co meu amigo tamén recibías eses comentarios de xente que esquecía a merda que estabamos a vivir. O que me levo é iso: o servizo social. Ás veces como artista paréceche que si, que podes axudar a xente, pero non o acabas de ver. Aquí si que o vivimos como algo real. 

Touriñán: Ao final é o teu oficio e falo porque gañas diñeiro, máis alá de que sexa bonito para o público, pero neste caso quitóuselle o compoñente da pasta porque non houbo en ningún momento a idea de sacar cartos. Era só por diversión e volver ao principio do principio. Pagaría por divertirme tanto e ademais divertindo a tanta xente. O concepto era completamente distinto do habitual e eu creo que foi a cousa que máis nos encheu de todas cantas fixemos na vida. Con outras ao mellor tivemos máis éxito e gañamos moita pasta, pero algo tan bonito e tan grande como isto creo que non son consciente de que me acontecera nunca profesionalmente.

Ás veces como artista paréceche que si, que podes axudar á xente, pero non o acabas de ver. Aquí si que o vivimos como algo real. 

David Perdomo
Foto: Aigi Boga

FECHADOS NA CASA ESTABADES UN POUCO LIMITADOS EN CANTO A RECURSOS. O HUMOR É FACER MOITO CON POUCO?

Touriñán: Tiñamos poucas cousas, pero sempre podes poñer unha gorra e unhas lentes. Se te pos a facer personaxes e a xente quere, ti es outro. A gorra e as lentes axudan, pero o público está vendo outros tipos e outras tipas. Iso é posible polo talento que ten este señor [Perdomo], que pon unha cara e un xeito de mirar e xa é outra persoa. Non hai artificio, nin trampas. Ti fasme graza ou non. É a túa cara, non alguén que cae polas escaleiras.

Perdomo: Nunca perdemos o noso neno interior e non nos censuramos. Ademais neste mundo dos intérpretes hai moito ego, pero aquí o que resalta é a admiración polo teu compañeiro porque eu sei que estou co mellor e que o que faga vai ser impresionante. Cando ves que a enerxía é mutua e cando os goles do teu compañeiro son os teus goles é cando triunfas. A min en vinte e pico anos de traballo nunca me pasou de estar en escena e romper a rir por unha situación que é demasiado tola, pero en Corentena é o que vivo.

Touriñán: Para min é igual. É como o malabarista ao que lle dás unha bóla e outra bóla e outra bóla e alucinas co tipo. Ou como se ti fas a xogada e lle pasas o balón ao compañeiro para compartir o gol. Estamos todo o tempo centrando balóns ao outro para que os meta el.

POR QUE RECUPERAR AQUELAS NOITES DE COMEDIA DURANTE A PANDEMIA E CONVERTELAS AGORA NUN ESPECTÁCULO?

Perdomo: Touri e mais eu somos moi orgánicos, nunca forzamos nada. Así é como a nosa amizade leva funcionando 23 anos. É un punto de encontrarnos no camiño, non de dicir “veña, vamos facer algo”. É como isto de Gandalf en O Señor dos Aneis: “Un mago nunca chega tarde, chega xustamente cando o propón”. Pois isto foi igual, o espectáculo chega cando ten que chegar. Se o fixésemos ao ano seguinte da pandemia dirían que era algo comercial, pero neste caso foi moi natural e coa idea de volver a pasalo ben.

Touriñán: Creo que nese punto está a clave da boa acollida que está a ter entre a xente. É un ambiente de grupo de amigos. Nós pasámolo ben, pero é que o público vai ao teatro coa sensación de que somos os seus amigos. “Mira que simpáticos e que salvaxes son”. Iso é o que nos chega de volta: unha panda de colegas que o único que fai é intentar pasalo ben. Este espectáculo vai de divertirnos nós, non hai problema se nos escapa unha risa. É ao revés. O que quero é que o meu compañeiro me faga rir a min e logo eu facelo rir a el. O mellor termómetro de que a proposta funciona é que o pasemos ben nós.

Perdomo: Enchemos teatros e gañamos cartos, pero é que ademais o que facemos está moi guai. A sensación non é de traballo. É o que di Touri: a xente comprounos como os seus amigos e iso permítenos chegar a liñas vermellas que outros cómicos non poderían pasar. Estou convencido de que hai quen sae do espectáculo dicindo “madre mía, colega”, pero saben que estamos de cachondeo, deixan que o fagamos e nolo compran.

Foto: Aigi Boga

Nós pasámolo ben, pero é que o público vai ao teatro coa sensación de que somos os seus amigos.

Xosé A. Touriñán

LEVAR A IDEA DE INSTAGRAM AO TEATRO NON SEMELLA FÁCIL. FOI DIFÍCIL ATERRALA SOBRE AS TÁBOAS?

Perdomo: O uso da tecnoloxía erosionou un pouco a nosa forma de facer os personaxes, pero aqueles filtros de vídeo foron tan importantes que agora tiñan que estar si ou si. Creo que é interesante que estas novas posibilidades teñan impacto sobre o que facemos no escenario. Naquel momento improvisabamos, pero agora hai que levalo ás táboas. E como fas iso? Pois hai un punto de descubrimento. Tes a sensación de que algo así nunca se fixera antes porque ao final usar un filtro para que che deforme a cara e logo levalo á escena non é o habitual. Creo que niso hai un pouco de nova dramaturxia e de construír.

Touriñán: Antes desta xira por teatros fixemos probas en salas pequenas como o Garufa [A Coruña] ou La Room [Ferrol], que foron unhas experiencias moi boas para ter a estrutura do espectáculo. Hai moitísima improvisación e se xorde un tema no día tamén se toca, pero polo medio hai un esqueleto cos personaxes que vamos sacar. Temos un reloxo para non pasarnos da hora, igual que nos directos que faciamos na pandemia e que Instagram cortaba cando pasaba unha hora. Pois nós mantivemos esa historia de apagar a luz estea a cousa onde estea. O esforzo escénico máis grande foi levar pantallas e realización en directo, pero estamos moi contentos co resultado. Agradécese moito telas porque son verticais, parecen móbiles e recordan aquel tempo de vernos no teléfono, aínda que entre o público hai moita xente que non se acorda ou que non viu nada daquelas conversas.

XA CON ESA EXPERIENCIA EN SALAS E AGORA EN TEATROS, EN QUE ESPAZO FUNCIONA MELLOR O ESPECTÁCULO?

Perdomo: Quizais nos bares é máis cru, pero este señor e mais eu pillámoslle a agulla de marear a calquera sitio. Agora ao empezar nos teatros pensamos que igual a xente non estaba tan gamberra, pero todo o contrario. Vamos cunha marchiña por abaixo ata que nos chega o momento de romper. Sentímonos nun punto de tanta comodidade e de soltar a melena que a xente está moi disposta e vén sabendo o que pode pasar.

Touriñán: Non é que vaiamos co freo de man posto, pero hai xente que trae os nenos ao teatro e iso hai que xestionalo. Levamos anos falando dos límites do humor e realmente o quid da cuestión está no receptor. A liña pona o público, non o cómico. Nós podemos facer chistes de todo e ti podes dicir “isto non me fai ningunha graza, non volvo”, pero se vés co chip de que todo é comedia e nada do que dicimos é para ofender pois todo é máis fácil. Se tes a idea de que te vamos danar, pois igual hai algún comentario non de todo acertado ou correcto que pode mancar. Nós mesmos xa nos sorprendemos e pedimos desculpas con algunhas das cousas que van saíndo, pero nunca é con intención de facerlle dano a ninguén. Por iso digo que o que ten que vir coa liña vermella flexible é o receptor.

Foto: Aigi Boga

O PÚBLICO COÑECE BOA PARTE DA VOSA TRAXECTORIA NO HUMOR. A QUE SE PARECE ‘CORENTENA’?

Perdomo: Ten un punto de estar no límite e a enerxía é un pouco cabareteira, un pouco gamberra. Non hai bailes, nin striptease, pero si que ten un pouco esa vibra de neocabaré. Dous tipos que saen e improvisan co presente. Non sabes o que vai pasar e cada bolo é distinto. Reflicte o que ocorría cando empezamos. Somos persoas tímidas e reservadas que nos coñecemos improvisando nos escenarios cando tiñamos 20 anos. Neste espectáculo xogamos a sorprendernos, a namorarnos da comedia de novo e a seguir conquistando o compañeiro en escena. E a pensar: “joder, que bo é!”. Non é un texto predefinido, senón que o teu compañeiro dá cada día unha cousa distinta que alimenta, sorprende e fai que o espectáculo sexa máis grande.

Touriñán: Este é un xeito que temos de traballar. Podemos facelo cun texto con certa marxe de improvisación, pero aquí o 70 ou 80 % do espectáculo é algo que hai que sacar novo en cada función. Acabamos moi rebentados porque temos que estar en garda todo o tempo. Isto esixe moitísimo e un día igual chegas cruzado, enfadado ou triste e non sae igual de ben. Ou igual sae mellor, non o sabes. O caso é que sobes ao escenario e pode pasar calquera cousa. Non sei canta xente é capaz de facer isto e facerllo pasar ben ao público que tes diante. Iso creo que é un privilexio ou un superpoder que hai que aproveitar.

A enerxía é un pouco cabareteira, un pouco gamberra. Non hai bailes, nin striptease, pero si que ten un pouco esa vibra de neocabaré.

David Perdomo

ÁS VECES NON SE VALORA MOITO A IMPROVISACIÓN.

Touriñán: Creo que o diferencial de todo o que levamos feito, por exemplo en televisión, é que sabemos saír de calquera situación. Parece que es menos profesional por iso, pero eu creo que é todo o contrario. Fómolo poñendo en valor a medida que ves que á xente lle gusta. Se o pensas, ese é o punto diferencial do meu traballo nun programa como Luar, como Land Rober ou como o que sexa. Se alguén me di que tivo éxito, pois gran parte vén desa maneira de traballar. Cando sabes seguir a corrente e improvisar chegas a lugares mil veces mellores que os que se cadra che estaba ofrecendo un guión. 

Perdomo: Todo iso nace da comunicación que temos en escena. Ti vas por aí, eu estoute seguindo e sei a onde imos os dous. Iso é maxia. Levamos anos quitándolle valor ao que facemos, pero logo vemos que actores que admiramos recoñecen ese mérito noso. Durante moitos anos como que o censurei, como que todo tiña que ser máis matemático. Pero logo de facer tantas cousas dáste conta de que a xente o reclama porque ninguén o fai e non é fácil porque a túa enerxía e o teu estado anímico son superimportantes. Non é como se vou facer un espectáculo como O Rei Lear e teño que aprender os meus textos e cuspilos. Se estou mal, teño as ferramentas para desenvolvelo ben sen que a xente o note, pero aquí se estás fodido tes que estar igual, tes que buscar, tes que improvisar. Para min é un privilexio facelo con Touri, que é un amigo. A xente nota ese amor, ese respecto e esa admiración polo compañeiro, e iso é o que fai que o público queira estar con eses dous amigos.

Cando sabes improvisar chegas a lugares mil veces mellores que os que se cadra che estaba ofrecendo un guión.

Xosé A. Touriñán
Foto: Aigi Boga

O ESPECTÁCULO TAMÉN VOS PERMITE XIRAR XUNTOS POR VEZ PRIMEIRA, NON SI?

Touriñán: Nalgún momento tiña que ser. Oxalá non ter pasado como humanidade pola pandemia, pero o certo é que Corentena saíu de aí e é bonito. De non ser así non sei cando tocaba traballar xuntos, pero despois de tantos anos é a primeira vez que saímos os dous cun espectáculo que xira por teatros. É a vida: non foi premeditado, tocou o momento.

Perdomo: Mola cando non buscas xuntarte con alguén e a vida entrecruza os teus camiños. Houbo momentos de traballar máis xuntos e outros menos, pero nunca deixou de haber ese fío de estar os dous en algo. Esta é a primeira vez que temos a oportunidade de xirar xuntos e dunha forma moi nosa. Nós coñecémonos improvisando personaxes que probablemente estamos facendo a día de hoxe. É o mesmo vinte e pico anos despois. As señoras que facemos agora xa existían daquela. A nivel artístico creo que isto é o máis gratificante que me pasou. Máis de vinte anos despois todo ten un sentido: seguimos sendo os mesmos, pero con canas. Non perdemos a paixón por facer comedia, que é o que nos move.

Artigos relacionados

Premios e públicos, en universos paralelos

Os datos do Observatorio da Cultura Galega sitúan o teatro galego nun lugar preocupante, ocupando as últimas posicións en canto a relevancia por debaixo de música, literatura, audiovisual e mesmo institucións culturais.