Coñecemos os 9 proxectos artísticos seleccionados para as Residencias Paraíso 2024

Outros

O Colectivo RPM vén de anunciar as artistas que participarán no seu programa de investigación e creación intensiva en distintos lugares de Galicia.

As Residencias Paraíso 2024 impulsadas polo Colectivo RPM —unha entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia— xa contan coas artistas seleccionadas para a edición deste ano. Este programa anual de residencias artísticas está dirixido a artistas de Galicia, España e Portugal que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A dotación do programa é de 22.000 euros, recibindo cada proxecto entre 1.500 e 3.000 euros, e a convocatoria deste ano recibiu solicitudes de 203 proxectos.

Estas residencias desenvolveranse entre abril e outubro do 2024 no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura e o Salón Teatro de Santiago, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia.

Os proxectos seleccionados son os seguintes:

  • En Vimianzo, Sergio Marey desenvolverá o seu proxecto Todo o mundo é contra min-eh para a construción dunha peza performativa a partir do seu propio ensaio de investigación sobre o colectivo LGTBIQA+ na música tradicional galega. Marey propón unha reflexión sobre a importancia de mirar o folclore desde unha perspectiva queer, reivindicando a nosa cultura popular como un espazo de liberdade.
  • A Cidade da Cultura de Santiago e o Salón Teatro acollerán os creadores Fran Rodríguez e Brais Pombo co seu proxecto Do outro lado, que ofrece unha mirada ecoloxista para afondar na tensión en capitalismo, territorio e comunidade coa revolta veciñal de Traspielas (Fornelos de Montes) dos anos 80 como pano de fondo. Logo da súa estadía chegará a bailarina e creadora aragonesa Ana Cotoré co seu proxecto No necesito un hombre para ser mascota. A súa idea é traballar nos conceptos de domesticación e cansazo dentro do capitalismo en xeral e do sistema da arte en particular coa saúde mental como foco de atención.
  • No marco da MIT de Ribadavia estará o colectivo madrileño Desgarradura para desenvolver o seu proxecto The miracle worker. É un proxecto de creación no que construír un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro arredor dos conceptos de fogar, familia, recordo e perdón.
  • En Pontevedra estarán Noela Covelo e Élise Moreau, as dúas afincadas en Barcelona, para traballar no seu proxecto de investigación En esta sala hay magia. A proposta indaga nos mecanismos do xénero da ópera cunha perspectiva experimental a partir da obra A frauta máxica.
  • En Lugo terá o seu espazo a creadora Cris Balboa para desenvolver Sinte, un proxecto no que se mestura a autobiografía e a música electrónica nunha viaxe desde a fraxilidade á celebración. Tamén Lucas Damiani con Hydra, nu proceso de investigación que vai na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación.
  • En Carballo estará José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación co seu proxecto de creación titulado Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de resistencia, unha proposta de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social.
  • En Narón vaise desenvolver Sobre o extravío ou a arte de perderse, da creadora Furia Sotelo, que volve deixarse dirixir por Ana Vallés nun novo proxecto en formato solo acompañado da música de Mounqup e da deseñadora de luz Laura Iturralde.

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.