‘Guerra’, un espectáculo para falar de todos os conflitos que nos rodean

Outros

Teatro do Noroeste presenta no Teatro Principal de Santiago de Compostela Guerra, os días 17 e 18 de xaneiro. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, é a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Logo da representación do sábado 18, o público poderá gozar cunha conversa postfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste.

Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo nunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer os personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices. Sobre estra premisa constrúese Guerra, un traballo no que as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo —desde Shakespeare até Lorca— enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución.

Producido por Teatro do Noroeste, o espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez. Guerra conta con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso.

O director e dramaturgo Eduardo Alonso explicou na presentación do espectáculo que “o teatro debe estar comprometido coa realidade. O punto de partida deste texto foi o bombardeo do Teatro de Mariupol en Ucrania por parte das tropas rusas. Sentín que esa podería ser a nosa casa, que estaba a ser bombardeada. Isto levounos a montar Guerra, para falar de todas as guerras que nos asolan”.

‘Guerra’ é un espectáculo ao estilo de Shakespeare. Foto: César Seijas

Entreter concienciando

“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros”. Ao máis puro estilo shakespeariano, Guerra é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. Teatro do Noroeste amosa unha realidade actual a través dunha alegoría eterna e substancial. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso “Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta guerra de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán; ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.

E continúa: “o teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”.

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de Guerra, senón tamén coa representación de Gloria Nacional o sábado 24 de maio, tamén no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Filoctetes sube ás táboas

‘Nada se sabe’ invítanos a cuestionar os prexuízos e a abordar a diversidade desde novas perspectivas, reflexionando sobre o que significa realmente a inclusión.