Humor sen fronteiras na Sala Ártika de Vigo

Outros

A Sala prepárase para acoller a quinta edición do Ciclo de Comedia Comediártiko, que terá lugar do 19 de outubro ao 25 de novembro.

Durante case dous meses, o público poderá gozar dunha ampla variedade de espectáculos humorísticos, con compañías procedentes de todo o territorio estatal e galego, que achegarán á sala viguesa as súas propostas máis divertidas.

Entre as compañías destacadas, o Ciclo contará con Tarambana Espectáculos (Madrid), que presentará a comedia de autor Paella os días 19 e 20 de outubro ás 20:00 horas. Baixo a dirección de Víctor Velasco e coa dramaturxia de David Fernández “Fabu”, a obra mestura diferentes linguaxes escénicas para tratar temas como a igualdade de xénero ou os conflitos existenciais. O elenco está formado por David Fernández “Fabu” e Nerea Moreno.

Desde Galicia, a compañía De Ste Xeito Producións traerá a súa última creación, Neura, o 26 e 27 de outubro ás 20:00 horas. Dirixida e escrita por Manuel Pombal, esta comedia aborda a saúde mental desde unha perspectiva cómica e cercana. No elenco, atopamos a Stephy Llaryora e Sergio Macías, que interpretan personaxes cheos de teimas e obsesións.

Para o público familiar, a compañía vasca Utopian presentará Charco a la vista os días 2 e 3 de novembro ás 18:00 horas, unha comedia recomendada para nenos de entre 5 e 7 anos. Dirixida por Carlos Baiges e con dramaturxia de Arantxa Iurre, o elenco inclúe a Haizea Baiges, Unai Baiges e Arrate Núñez, que darán vida á historia dunha nena, Uxue, e a súa difícil decisión de pisar ou non un charco.

Como parte da programación Off, Atenea García estreará o seu monólogo Vicio houbo sempre o 2 de novembro ás 20:30 horas. A actriz recolle historias de vida de mulleres maiores de 80 anos, explorando o pracer e a sexualidade nunha proposta íntima e persoal.

Unha das grandes protagonistas desta edición será a compañía galega A Panadaría, que volverá con As que limpan os días 9 e 10 de novembro ás 20:00 horas. Despois do éxito do ano pasado, onde esgotaron todas as entradas, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman regresan co seu espectáculo, dirixido por elas mesmas con apoio dramatúrxico de Paula Carballeira. Esta obra foi recoñecida con múltiples galardóns, como o Premio do Público na Mostra Internacional de Ribadavia 2023 e catro Premios María Casares en 2023, incluíndo Mellor Espectáculo e Mellor Actriz Protagonista (Noelia Castro).

O 16 e 17 de novembro, a compañía Producciones Circulares de Sevilla presentará a obra ¿Y ahora qué?, dirixida por Antonio Campos, onde os seus personaxes, interpretados por Candela Fernández e Juanfra Juárez, quedarán pechados nunha sala de teatro durante a noite, dando lugar a situacións inesperadas. Contan tamén coa colaboración especial de José María Peña.

Finalmente, o Ciclo de Comedia pecharase coa estrea de Non pasarán, a nova creación da Ártika Cía os días 23 e 24 de novembro ás 20:00 horas. Dirixida por Tito Asorey e escrita por el mesmo xunto con Vanesa Sotelo, esta obra ofrece unha reflexión sobre o rexurdimento das ideoloxías autoritarias. No elenco, contaremos con Fernanda Barrio, Marcos Alonso, Martín Maez e Rocío Salgado.

As entradas para todos os espectáculos xa están á venda na páxina web da Sala Ártika. Non perdas esta oportunidade de rir e reflexionar con algúns dos mellores espectáculos cómicos do outono!

Toda a programación

  • 19 e 20 de outubro ás 20:00 h · Paella de Tarambana Espectáculos (Madrid)
  • 26 e 27 de outubro ás 20:00 h · Neura de De Ste Xeito Producións (Galicia)
  • 2 e 3 de novembro ás 18:00 h · Charco a la vista de Utopian (Getxo)
  • 2 de novembro ás 20:30 h · Vicio houbo sempre de Atenea García (Galicia)
  • 9 e 10 de novembro ás 20:00 h · As que limpan de A Panadaría (Galicia)
  • 16 e 17 de novembro ás 20:00 h · ¿Y ahora qué?” de Producciones Circulares (Sevilla)
  • 23 e 24 de novembro ás 20:00 h · Non pasarán de Ártika Cía (Galicia)

Artigos relacionados

Premios e públicos, en universos paralelos

Os datos do Observatorio da Cultura Galega sitúan o teatro galego nun lugar preocupante, ocupando as últimas posicións en canto a relevancia por debaixo de música, literatura, audiovisual e mesmo institucións culturais.