A Sala Ártika de Vigo programa unha nova edición do festival de teatro para toda a familia do 22 ao 31 de decembro.
Ano a ano a cativada ten un espazo destacado na programación do mes de decembro da Sala Ártika. O festival, que este ano celebra a súa 9ª edición, conta de cada vez cunha mellor acollida entre as compañías e o público asistente.
O programa do Festival Pequeártiko de Nadal levará á sala viguesa un total de nove espectáculos de compañías procedentes de todo o estado. Durante os nove días que dura o evento daranse cita funcións de teatro, monicreques e danza que prometen unha programación escénica diversa para un público familiar.
Este ciclo inclúe propostas de compañías galegas consolidadas como Caramuxo Teatro ou Teatro del Andamio. Pola súa parte, a representación da escena nacional vén da man de La Machina Teatro, Teatre de la Caixeta ou ZigZag Danza. As entradas están dispoñibles na web e na billeteira da Sala Ártika.
Co foco posto en achegar o teatro e a creación escénica a públicos diversos, a Sala Ártika naceu no ano 2014 como proxecto integral onde dar cabida a todos os aspectos vinculados ás artes escénicas. A creación e produción de propostas, a formación de futuros profesionais e a exhibición de espectáculos son tan só algunhas das áreas nas que se encadra o seu traballo.
Consulta a programación
- 22 de decembro ás 18:00h: ‘Molly y el gigante’ de La Machina teatro
- 23 de decembro ás 12:00h e ás 18:00h: ‘Tras los pasos de Peter Pan’ de Teatre de La Caixeta
- 24 de decembro ás 12:00h: ‘Feo!’ de Caramuxo teatro
- 26 de decembro ás 18:00h: ‘A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz’ de Teatro del Andamio
- 27 de decembro ás 18:00h: ‘O xardín de Vila Gris’ de Fulano, Mengano e Citano
- 28 de decembro ás 18:00: ‘Superchica’ de Bambalúa teatro
- 29 de decembro ás 17:00h e ás 19:00h: ‘Aupapá’ de ZigZag danza
- 30 de decembro ás 17:00h e ás 19:00h: ‘Burbuja’ de Títeres sin cabeza
- 31 de decembro ás 12:00h: ‘A nena e os tres osos’ de Migallas Teatro