Manekineko presentará ‘Cancións amarelas, flores tristes’ en Vigo

Outros

A compañía de Nerea Brey e Ernesto Is estreará a súa primeira produción teatral o vindeiro venres 15 de marzo no Auditorio Municipal de Vigo.

A compañía teatral Manekineko, da directora e actriz Nerea Brey e o dramaturgo Ernesto Is, estreará Cancións amarelas, flores tristes o vindeiro 15 de marzo no Auditorio Municipal de Vigo. Este será o primeiro proxecto teatral conxunto de Brey e Is, que poñen en marcha un espectáculo protagonizado por María Costas, Nacho Castaño, María de las Llanderas e Fran Nogueira. O espazo escénico vai a cargo de Beatriz de Vega e o vestiario de Javier Lojo.

Esta primeira produción de Manekineko xunta en escena catro persoas de idades, xéneros, crenzas e realidades socioeconómicas moi diferentes que coinciden nunha noite nun karaoke. Ao longo da madrugada as cancións e o alcohol mestúranse cos medos e os problemas que os levaron a refuxiarse no local, onde constrúen os seus propios paraísos artificiais.

Cancións amarelas, flores tristes conta cunha montaxe inmersiva concibida tanto para teatros como para espazos de representación non convencionais, incorporando os espectadores e espectadoras en escena ofrecendo unha experiencia de proximidade. Entre os temas que trata o espectáculo están a hiperprodutividade, a fraxilidade dos vínculos afectivos, a non autoaceptación, a soidade ou a inestabilidade económica.

Ademais da estrea en Vigo, a peza ten xa as seguintes datas confirmadas:

  • O 21 de marzo en Carballo.
  • O 23 de marzo en Rianxo.
  • O 4 de abril en Lugo.
  • O 6 de abril en Betanzos.
  • O 10 de maio na Coruña.
  • O 19 de xullo en Ribadavia.

Artigos relacionados