Despois de varios anos de percorrido con Aquí Tou!, Xosé A. Touriñán regresa aos escenarios cun novo monólogo en solitario. Moi Animal chegará ás táboas a partir de outubro cunha proposta que utiliza o humor para mirar cara ás contradicións da especie humana e á peculiar relación que mantemos cos animais.
Somos animais. Aínda que ás veces nos empeñemos en disimulalo. Esta é a idea da que parte Moi Animal, o novo espectáculo en solitario de Xosé A. Touriñán, que chegará aos escenarios galegos a partir do mes de outubro. A proposta cambia o foco respecto ao seu anterior monólogo, Aquí Tou!, para poñer no centro a relación case paradóxica que mantemos co resto das especies.
Queremos os animais, convivimos con eles, poñémoslles nomes e roupa, tratámolos como parte da familia e desenvolvemos unha enorme capacidade de empatía cara a eles. Pero tamén os comemos, utilizámolos, afastámolos ou intentamos matar un mosquito ás tres da mañá sen demasiados remordementos. Moi Animal parte precisamente destas contradicións para construír un retrato humorístico dunha especie que se considera a máis intelixente do planeta, aínda que non sempre o pareza.
O espectáculo percorre diferentes formas de relacionarnos co mundo animal: desde a vida na aldea ata os animais de compañía, pasando polos lobos, o vexetarianismo, a empatía ou fenómenos máis recentes como os therians. Situacións cotiás, cambios nos nosos hábitos e diferentes maneiras de entender a convivencia con outras especies serven así para poñer o foco nos propios comportamentos humanos.
O texto está asinado polo propio Xosé A. Touriñán e José L. Prieto, colaboradores habituais na escritura dos seus espectáculos. A proposta mantén o peso da palabra e da narración como principais ferramentas dun monólogo construído arredor da presenza do actor en escena.
Moi Animal supón tamén unha nova etapa despois do percorrido de Aquí Tou!, o monólogo máis persoal de Touriñán. Nesta ocasión, o punto de partida abandona o relato autobiográfico para mirar cara a unha cuestión aparentemente allea ao ser humano que acaba falando directamente de nós.
A xira comezará o 16 de outubro na Casa da Cultura de Cee e continuará ao día seguinte no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra. Durante as semanas seguintes, o espectáculo pasará tamén por Vilalba, Narón, Ourense, O Grove, Vigo, Lugo, Burela, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa, antes de pechar este primeiro percorrido o 26 de decembro na Coruña, no Auditorio Gaviota de Palexco. As entradas están dispoñibles a través da páxina web do espectácuo: moianimal.gal.
Con Moi Animal, Touriñán volve apostar polo formato do monólogo para observar, desde o humor, as contradicións dunha especie que se empeña en distinguirse do resto dos animais. Unha mirada que comeza falando deles pero que, inevitablemente, acaba falando de nós.


