‘Mosca’: o molesto zunido do acoso escolar resoa no teatro

‘Mosca’, de Ártika Cía e dirixida por Gustavo del Río, convida a reflexionar sobre o acoso escolar homófobo.

Outros

No xogo infantil “mosca” créase un corredor polo que pasa aquel participante que visen moverse mentres os demais teñen que pegarlle. Sen facer dano, claro. Pero os golpes comezan a ser máis fortes. E hai unha delgada liña entre xogo e violencia que os máis cativos poden non distinguir. Porque un “xogo de nenos” pode converterse rápido en pesadelo. Este é a premisa dramática da que parte a peza de teatro.

“Benvidos ó teatro”, reza un cartel na porta da Sala Ártika, un refuxio para a cultura na Avenida de Beiramar de Vigo. Na miña visita á cidade tocaba somerxerse, a conciencia, no teatro social, ese que axuda a cambiar o mundo. Era o día de descubrir a obra Mosca, da compañía Ártika Cía e dirixida por Gustavo del Río.

O espectáculo comeza cunha clara intención: incomodarnos e abafarnos. O xogo de luces, o movemento apurado dos intérpretes e o zunido dunha mosca son os elementos que marcan as transicións na obra para irnos contando a historia de Pedro, un neno de dez anos que sofre acoso escolar. A música tamén ten un papel importante. Na miña cabeza non para de soar mentres escribo Come as you are de Nirvana.

O elenco, formado por Fernanda Barrio, Martín Maez e Rocío Salgado, preséntanos a Pedro, pero tamén dan vida á profesora, ao pai e á nai do cativo. Porque en Mosca, é tan importante escoitar ao neno acosado como entender os adultos que o rodean. Porque en acoso escolar é esencial poñerse no lugar de todas as persoas implicadas.

Mais Pedro, polo seu cabelo longo, a súa voz supostamente “de nena”, a súa sensibilidade… non sofre un acoso calquera. Sofre acoso homófobo e vive con temor, baixo os prexuízos que aínda temos nesta sociedade. Na peza denúnciase a falta de atención dos profesores  ao problema así como o escaso tempo e recursos existentes nos colexios para afrontar estas situacións. Tamén se fai fincapé na necesidade do apoio e da comprensión no ámbito familiar.

“Ao final es marica?” é a pregunta que nun momento do texto lle lanzan a Pedro. E el dinos que está farto desa pregunta porque a fai a si mesmo seguido. E iso como espectadores débenos facer reflexionar sobre como contribuímos ao malestar dos máis cativos cando están experimentando emocións que nin eles mesmos coñecen. O noso papel como adultos debe ser outro: acompañar, escoitar, apoiar.

Dar visibilidade á realidade

Contaba o autor e director Gustavo del Río que Mosca naceu a partir de casos reais. Como o de Diego, un neno de Leganés que se suicidou hai uns anos deixando unha carta explicando os motivos. Ou o de Alan, o primeiro rapaz transexual que acabou coa súa vida un día de Noiteboa polo acoso que sufría na contorna escolar. E, máis recentemente, un suceso que nos sacudiu moi de preto: o asasinato de Samuel Luiz na Coruña ao berro de “maricón”. A el tamén hai unha referencia na obra. Son só tres nomes dos milleiros de rapaces e rapazas que sofren acoso escolar, moitos deles pola súa orientación sexual.

O teatro social que nos propón Ártika Cía non queda só no día da función. É unha ferramenta de cambio. Se nos remove e encolle un pouquiño o corazón no patio de butacas, tamén ha de facer reflexionar ao saír da sala. E isto é o que conseguen propostas sinceras como a de Mosca.

Mentres o conto no cambie, sempre haberá un refuxio para ti. Ti, que estás sufrindo. Mentres os tempos non muden, este teatro social faise preciso.

E despídome coa letra doutra canción que soa durante a peza, desta vez de John Lennon. Unha nana que, coma o teatro, tamén é refuxio e calma os medos dos máis pequenos:

Before you go to sleep

Say a little prayer

Every day in every way

It’s getting better and better

Beautiful, beautiful, beautiful

Beautiful boy

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.