Música e ‘cravos’ para saber de nós

Outros

O concerto teatral Quis saber quem sou, producido polo Teatro Nacional D. María II de Lisboa, percorreu Portugal neste 2024 para poñer o foco na defensa das liberdades conquistadas hai 50 anos na Revolución dos Cravos, hoxe ameazadas polo avance do fascismo. As cancións da época revolucionaria fían un relato de identidades diversas que loitan por ser quen son.

O Theatro Circo de Braga ateigado de público: cativos e adultos de todas as idades na procura dos seus asentos, a correr algúns antes de quedar a escuras para o que vén. A sensación de interese convive cunha certa solemnidade e un bocado de celebración, por tratarse esta dunha cita que ten de ver cunha revolución que é orgullo nacional e non só. O primeiro dos 14 intérpretes que compoñen o elenco abre o espectáculo cunha presentación en lingua de signos —sempre presente— para dar paso aos seus colegas sobre as táboas. Enriba delas aparecen distintas identidades que en adiante conformarán un coro de voces para falar e cantar ao unísono durante boa parte dunha obra, producida polo Teatro Nacional D. María II de Lisboa e ideada por Pedro Penim, que xa se cuestiona as cousas desde o seu título: Quis saber quem sou.

O elenco, escollido nunha audición nacional de talento novo, interpreta cancións da época revolucionaria portuguesa. Foto: Filipe Ferreira.

Ese saber quen son, tanto en primeira persoa do singular como en terceira do plural, será unha constante ao longo das dúas horas deste concerto teatral que toma as cancións da época revolucionaria portuguesa (anos setenta, antes e despois da Revolución dos Cravos) para tomar conciencia das liberdades conquistadas, mais tamén do risco que corren polo avance dos fachos (fascistas) en Portugal. O título do espectáculo é tomado do primeiro verso de E Depois do Adeus, do Paulo de Carvalho, unha peza reproducida por radio nos primeiros compases da Revolución. Alén desta, o elenco —cantantes novos escollidos nunha audición nacional— interpreta composicións como A cantiga é uma arma do colectivo Grupo de Acção Cultural-Vozes na Luta ou All you fascists de Woody Guthrie, entre outros temas arranxados para a ocasión e baixo a excelente dirección musical de Filipe Sambado.  

Os actores e actrices proxectan distintas identidades hoxe ameazadas polo avance do fascismo e as correntes reaccionarias en Portugal. Foto: Filipe Ferreira.

A través destas músicas hai individuos que se buscan e proxectan sen desligarse do colectivo, que se reflicte en todo momento nuns espellos que conforman unha escena sinxela para deixar todo o peso interpretativo sobre as actrices, os actores e as cancións. O propio vestiario unifica e distingue, pois achega variacións sobre un mesmo estilo sen que ninguén perda esa identidade que reivindican peza a peza, xa que cada composición agroma no escenario con estilos e ritmos distintos. Todas as voces deixan espazo para outras: cantan por si soas, cantan en conxunto e sobre todo escoitan. Como tamén escoitamos os que desde as butacas nos emocionamos coa reivindicación de formas de ser diversas (no sexual ou no político, por exemplo) ou de figuras que van desde o anticolonialista Amílcar Cabral ata esa xeración que levou adiante unha revolución cargada de flores hai xa cinco décadas.

Precisamente será esa posta en valor dos revolucionarios e os dereitos que conquistaron os que nos poñan en pé no Theatro Circo ao son do Grândola de José Afonso como remate final. Aí están os fillos, fillas, netos e netas de Abril a defender a herdanza democrática neste encontro de teatro e música. As voces dos cativos e adultos de distintas idades únense coas do conxunto de intérpretes, agora tamén ao unísono, todas elas sabendo que as liberdades non se negocian, senón que se exercen. Sobre todo a de ser un mesmo, sendo cada un como é, pois como nos aprendeu esta noite unha das cancións da obra: “sou mais eu quando não tenho medo de ser”.

Artigos relacionados