“Na era das redes sociais onde os actores poñemos en valor o noso todo o tempo, a máscara vai ao contrario: tes que esquecerte de ti”

Outros

Falando con e de Nauta descubrimos que non é unha compañía de teatro calquera. Xa nos deramos conta antes ao explorar a súa páxina web, onde as atractivas ilustracións conectan co público máis novo, ese ao que queren levar ao teatro. Corpos con cabezas de polbo, raposo, quenlla ou sapo ilustrados por Tristán Ron identifican a cada un dos membros do equipo, un aspecto visual compartido polo seu teatro de máscaras. Pero a proposta de Nauta tamén conxuga música, danza, teatro físico e monicreques.

Nesta compañía moza non entenden a creación sen movemento nin o teatro sen crítica social. Desde 2019, xa contan con cinco espectáculos nos que tratan temas como o acoso e a diversidade e, sobre todo, a contaminación do planeta e a emerxencia climática. Sobre este tema reflexionan en A barca do inferno, espectáculo finalista nos Premios María Casares 2023 na categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. O galardón foi para Títeres Cachirulo, os pais dun dos integrantes de Nauta. Somerxémonos no seu universo particular a través desta entrevista con Carlos Gallardo e Rafa Rey, que integran Nauta xunto con Mathias Rodríguez, Pilar Pingarrón e Raquel Garabal.

Sodes unha compañía nova, tanto de creación como de idade. Como xorde Nauta?

Rafa: A compañía comeza en Bruxelas comigo e Mathias Rodríguez, ao rematar na escola de teatro físico LASSAAD. Foi a finais de 2019 e fixemos o primeiro espectáculo de rúa Nino & Mambru. A nosa forma de traballar é buscar a inquietude do proxecto artístico e desenvolvelo en base a ela. Neste espectáculo era levar a media máscara ao teatro de rúa para intentar facer visible un teatro non convencional e recuperar unha comedia da arte actualizada. Desde 2020 fomos crecendo e entraron Carlos e Pilar. O que comezou en Bélxica agora está en Compostela.

Coñeciches a Mathias en Bélxica… como conseguiches que un francés viñera para Galicia?

Rafa: Foi o azar. Nós somos un compás porque sentimos que imos detrás de onde xorden as oportunidades. Xurdiu traballo aquí en Galicia e fixemos unha coprodución co Centro Dramático Galego. Vimos aquí a oportunidade de visibilizar un teatro non convencional e facelo en lingua galega.

A nosa investigación en Nauta é tratar a manipulación do monicreque desde a danza ou a coreografía.

Rafa, es fillo de Jorge Rey, da compañía Cachirulo e un dos organizadores do festival Galicreques. Naciches entre monicreques, sentes que tiñas o destino marcado?

Xusto agora en Nauta estamos no taller dos meus pais, que está cheo de monicreques da compañía e do Galicreques. Somos cinco fillos e un deles tiña que seguir o legado familiar. Entón, tocoume a min. Eu non quería, de pequeno detestaba os monicreques (ri). Quería facer algo diferente a meus pais pero o destino púxome a seguir o legado familiar. Foi como reconectar. Eu quería ir polo teatro. No teatro descubrín o movemento e aí a máscara, que tanto para Carlos como para min foi un cambio total e quedamos namorados. E a máscara e o monicreque son irmáns, teñen a mesma función teatral: que algo inerte cobre vida. Así que volvín a ese eido pero a nosa investigación en Nauta é tratar a manipulación do monicreque desde a danza ou a coreografía, desde as novas dramaturxias, algo totalmente diferente ao xeito tradicional de meus pais.

Gaia Baba mestura teatro físico e monicreques para falar sobre contaminación

En todos os vosos espectáculos hai máscaras. Como foi esa descuberta deste teatro?

Carlos: Antes de que Rafa marchase a Bruxelas, estudamos xuntos en Madrid, onde comezamos a pedagoxía de Lecoq, que trata o percorrido do teatro físico a través da máscara e o xesto. Aquí descubrimos as máscaras e a partir desta base comezamos a investigar e a mesturar estilos ata encontrar a nosa linguaxe a día de hoxe.

Rafa: Na escola traballas a máscara desde un lugar pedagóxico e os estilos son moi marcados. En canto saímos quixemos buscar unha investigación propia e reinventar as máscaras, mesturando en escena distintos tipos de máscaras, algo que na escola era impensable, ou facelas dialogar cos monicreques.

Carlos: Buscamos a amalgama entre máscara e monicreque, onde este poida adquirir a linguaxe física.

É un acto de amor moi fermoso traspoñer a túa enerxía nun obxecto

Que dificultade se vos presenta como actores?

Rafa: En toda formación de interpretación ten que haber un momento onde o actor ou a actriz se encontre coa máscara. Como ocorre co monicreque, o actor aprende a poñerse ao servizo de algo que non é el. O que ten que facer é lanzarse ao baleiro e darlle vida a un cacho de cartón. É moi bo a nivel pedagóxico, non só para aprender o que transmiten os corpos de cada un e facer esa transformación física, senón tamén para esquecerse dun mesmo. Nunha era de Netflix e redes sociais onde os actores e as actrices poñemos a nosa cara e poñemos en valor “o noso” todo o tempo, a máscara vai ao contrario de todo iso. Tes que esquecerte de ti e poñerte ao servizo do que a máscara quere facer e dicir. É un acto de amor moi fermoso traspoñer a túa enerxía nun obxecto.

Carlos: Aí onde atopamos a similitude co monicreque: o traballo vai cara a algo externo, dando vida ao inerte.

Rafa: E iso non significa que non sexa emocional. O traballo do actor tamén está, tes que sentir e dicir a verdade. Non é un teatro de caricatura, é un teatro sincero. Pero sinto que a nosa xeración non coñece o traballo da máscara e ten moitas posibilidades expresivas. Por iso buscamos renovar o seu estilo para falar de acoso, homofobia, cambio climático…

A barca do inferno en Clásicas Desfeitas da Cidade da Cultura

Hai poucas compañías de máscaras e monicreques e menos aínda que se dirixan a todos os públicos ou mesmo só adulto. Sérvevos como forma de diferenciación?

Rafa: Sentimos que somos “os rariños” (ri). Os meus pais xa eran “os raros” pero nós, por riba, raros para adultos. Falas coa xente do sector e dis “monicreques para adultos” e non o entenden. O monicreque é máis ca unha luva facendo “cachiporra”. Que é fermosísimo igualmente. Pero é moito máis. Ao final esta batalla para demostrar que é posible facer un teatro de máscaras actual e para adultos tampouco ten moita repercusión porque a xente nova tampouco vai ao teatro. Así que a nosa loita é que a xente vaia ao teatro. Entón, sempre buscamos estratexias para facer un teatro, dá igual a etiqueta que teña, ao que vaia a xente.

Carlos: Temos a sensación de que a xente nova consume menos cultura. Algo que nos move moito é como poder chegar a ela e facerlle atractivas as artes escénicas. Por iso en Nauta facemos fincapé na imaxe visual. Por exemplo, nas redes sociais facemos un contido atractivo co obxectivo de conseguir que a xente saia do móbil e ir ao teatro, cambiando a súa percepción do que é o teatro.

Rafa: Nesta era completamente visual, cremos que a máscara rema a favor para propoñer un teatro estimulante. Cremos que pode tocar a súa sensibilidade. Por iso os nosos espectáculos son, máis ca adultos, para adolescentes. Como podemos falar de homofobia ou cambio climático para o alumnado do instituto.

Ademais do contido en redes sociais que comentades, a vosa web xa é unha ventá de comunicación que mostra que sodes diferentes. Cada un de vós está representado por unha ilustración. Que queredes transmitir con elas?

Rafa: Parte do ego, de estar seguido sacándote a ti, a ti e a ti. Cando desenvolvemos Nauta tiñamos que poñer fotos na web e non queriamos sacar fotos. Entón, pensamos como podiamos facelo máis interesante e xogamos cos animais, que é unha ferramenta que usamos moito no teatro físico. Creo que é a nosa filosofía de desaparecer e poñer en valor na mesa o que cremos importante: o teatro.

Carlos: Tamén vimos dunha pedagoxía baseada en observar a natureza, como traspoñer elementos naturais ao teu corpo. Gústanos moito partir de que animal é cada personaxe que creamos. De feito, nos nosos espectáculos están moi presentes os animais e a natureza.

Gaia Baba

Consideramos o teatro por e para o pobo. Por iso tamén facemos fincapé no teatro de rúa.

Unha arte sen elites. Pode dicirse que é a base da vosa filosofía?

Rafa: Si, sobre todo tratar temáticas sociais de actualidade deste o teatro do movemento e da máscara. Porque temos a intención de traer a xente nova ao teatro. De traer aos meus amigos do instituto. De xente que non vai ao teatro e, cando veña, este lle fale de temas que lle incumban. Queremos fuxir de facer os grandes nomes do teatro como Shakespeare ou textos cos que non imos conseguir atraer a xente da nosa xeración.

Carlos: Consideramos o teatro por e para o pobo. Por iso tamén facemos fincapé no teatro de rúa. Queremos chegar á xente sen que teñan que vir ás salas.

En canto a contidos, tamén escolledes temáticas sociais e, en concreto, sobre o cambio climático. Sentídesvos activistas desde o teatro?

Rafa: Estamos “cagados” (ri). Na nosa escola en Bruxelas, que era moi ortodoxa, un profesor díxome que non se podía facer unha obra con lixo. Quedeime coa frase e fixemos Gaia Baba, con lixo e falando do cambio climático aos nenos. Nós sentímonos en conflito cada día, no momento de pedir un café con leite para levar, en ir a compra… Temos unha responsabilidade enorme e non sabemos xestionala. E da única forma que sabemos é coas obras. Todas as máscaras, o vestiario e a escenografía está feita por nós. Isto tamén forma parte da filosofía: reciclar todo o posible.

Carlos: O cambio climático tamén é un tema que sempre chega a nós. Xa o incluímos en Gaia Baba pero en A barca do inferno foi un encargo para facelo nun lago da Cidade da Cultura. Estabamos dándolle voltas ao tema e pensamos que se a peza era na auga, había que falar da auga. E a reflexión levounos ao cambio climático. O mesmo pasa con Treboada, un pasarrúas no que decidimos sacar os mellores monicreques á rúa.

Rafa: Nesa peza tamén demostramos que se podía facer máis ca un desfile. Atopamos a Trópico de Grelos e creamos unha sinerxía perfecta. Saímos desde a batucada e os ritmos alegres para falar desta traxedia.

Co pasarrúas de Treboada sacaron os mellores monicreques á rúa

E do festivo de Treboada ao pesimismo de A barca do inferno, a produción coa que aínda estades xirando.

Rafa: “Dramón”, si. Pero na última residencia que fixemos, no TOPIC de Tolosa, rompemos un pouco a dramaturxia porque sentimos que as nosas creacións actuais eran moi pesimistas, catastrofistas, cunha visión moi escura. Entón, aínda que nos preocupe, non significa que a fin do mundo sexa hoxe e pensamos que había que tratar o tema desde o humor e a esperanza. A peza é unha traxedia pero conseguimos liberala un pouco.

Carlos: Tamén inflúe que a compañía naceu en pandemia. Nos espectáculos que creamos nese momento sempre hai algo contaxiado de estar encerrado cun mesmo. Tacao e A barca do inferno naceron nunha casa na que viviamos en Touro na pandemia e nelas nótase que se xeraron nun círculo entre nós. Agora estamos intentando saír de aí porque a xente necesita esquecerse dos males. Apostamos pola crítica social pero desde un lugar de esperanza.

Temos que movernos para poder pensar. Non sabemos escribir sentados na mesa.

A barca do inferno en Clásicas Desfeitas da Cidade da Cultura

Ademais de actores, tamén vos encargades da construción das máscaras. Como é o proceso de creación?

Rafa: Meus pais ensináronme a construír monicreques e, aínda que a máscara se traballa diferente, algo ten que ver. Nós construímos a escenografía e as máscaras ao tempo que ensaiamos. Nunca partimos dun texto xa escrito e nas improvisacións temos que descubrir que tipo de máscaras precisamos. A dramaturxia vai marcala a máscara. É un proceso súper tolo no que ensaios, dramaturxia, dirección e creación se fai ao mesmo tempo. É difícil pero máxico.

Carlos: Todo está en constante cambio para que todos os elementos converxan entre si.

Rafa: Por exemplo, coa quenlla en A barca do inferno, fixemos a cabeza pensando que ía ser unha máscara. Pero Mathias trouxo unha moto do punto limpo e empezamos a investigar coas pezas e, de repente, descubrimos que sería unha creación con catro persoas manipulando unha soa personaxe. Nós pensamos en movemento todo. Temos que movernos para poder pensar. Non sabemos escribir sentados na mesa.

Cal dos traballos supuxo un maior desafío?

Carlos: A barca do inferno.

Rafa: Si, foi un inferno para nós (ri). No marco das Clásicas Desfeitas, do CDG e Cidade da Cultura, iamos facela na auga, logo na terra. Despois tamén tiñamos o reto de reinventar un texto clásico. Foi un proceso de investigación longo no que, ademais, tiñamos a presión de estrear no Festival de Almagro unha peza de teatro de movemento no festival do texto por excelencia. Pero ao público encantoulle e agradeceron ver algo diferente.

Onde a poderemos ver?

Rafa: Estaremos o 25 de agosto na praia de Pantín en Valdoviño ás 21:00 horas. Teremos unha xira por España a partir de setembro, as datas estarán na nosa web. Grazas a toda a xente que participou no noso crowfunding para conseguir a nosa furgoneta, grazas a eles esta xira farase realidade.

Finalmente, algún proxecto de futuro?

Rafa: Colaboramos coa compañía Krisálida de Portugal, nunha peza sobre lendas de Galicia e Portugal que se estreou en xullo. Nós encargámonos da dirección, da dramaturxia e das máscaras. En setembro empezaremos a dar cursos en Santiago de teatro do movemento e máscara e en outubro estaremos presentes no Galicreques cos nosos pasarrúas e algunha sorpresa máis.

Artigos relacionados