A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) impulsa a primeira edición destes galardóns, que distinguen o talento, a innovación e o compromiso coa sustentabilidade do sector musical galego.
A música galega contará este ano cos seus propios recoñecementos profesionais. A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) vén de anunciar as persoas, proxectos e iniciativas finalistas dos I Premios da Industria Musical de Galicia, unha nova cita que busca poñer en valor o traballo creativo, técnico e empresarial que sostén o ecosistema musical do país.
Os premios, que contan co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, celebrarán a súa gala o 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun encontro sectorial que servirá tamén para fomentar a colaboración e o diálogo entre profesionais.
Un xurado independente, integrado por perfís diversos da creación, produción, comunicación e sustentabilidade, foi o encargado de seleccionar os 42 proxectos finalistas, tres por cada unha das 14 categorías profesionais: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade.
Ademais, a Xunta Directiva de AGEM outorgará dous recoñecementos especiais (artista do ano e persoa do ano), mentres que o público poderá participar elixindo o premio á excelencia na experiencia do público mediante votación popular nas redes e na web da asociación.
Entre os proxectos nomeados figuran referentes do panorama musical galego contemporáneo, como Tanxugueiras, Guadi Galego, Mondra, Baiuca ou Fillas de Cassandra, xunto a profesionais da produción técnica e artística como José Faro “Coti”, Paco Iglesias, Iago Picó, Aitana Cuétara ou Hevi, entre moitos outros.
Segundo destaca Patricia Hermida, presidenta de AGEM, ‘a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Estes premios nacen para celebralo e recoñecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento’.
Os Premios da Industria Musical de Galicia insírense no Plan Estratéxico da Industria Musical Galega, impulsado por AGEM e a Xunta, e pretenden converterse nun espazo anual de recoñecemento e encontro para un sector que se consolida como motor cultural e económico para o país.


