O teatro volve saír ao encontro do público co novo proxecto de Espectáculos Valente, compañía que prepara a estrea dunha montaxe de rúa baseada no texto de Cándido Pazó e coproducida polo Centro Dramático Galego. A peza encamíñase xa cara á súa estrea e a unha ampla xira estival con preto de vinte funcións confirmadas en distintos concellos galegos.
A compañía Espectáculos Valente continúa avanzando na preparación de ÑiquiÑaque, a súa nova proposta escénica, coa que apostan por recuperar a tradición do teatro ambulante e trasladala ao espazo público contemporáneo. O espectáculo, escrito por Cándido Pazó e dirixido por Roberto Vázquez, contará coa interpretación de Dani Lago e Ángel Blanco, e estrearase proximamente na Mostra de Cangas antes de iniciar unha extensa xira de verán.
A montaxe parte dun punto de partida tan cómico como simbólico: Cosme e Damián, dous cómicos ambulantes ao bordo da disolución da súa compañía, reciben o encargo de preparar unha función para celebrar o aniversario de voda do Gran Duque. A partir desa premisa, ambos comezan a ensaiar unha peculiar versión de Romeo e Xulieta mentres continúan a súa viaxe nun motocarro avariado, nun percorrido marcado polos conflitos persoais, a precariedade e a propia supervivencia do oficio teatral.
Máis alá da súa dimensión narrativa, ÑiquiÑaque constrúese como unha homenaxe directa ás compañías que contribuíron á profesionalización do teatro galego, con especial referencia a Ollomol Tranvía, responsable da primeira posta en escena do texto no ano 2000. Nesta nova lectura, Espectáculos Valente aposta por sacar a peza dos espazos convencionais para devolvela ao lugar de onde bebe a súa esencia: a rúa, a festa e o encontro directo co público.
A proposta combina distintas disciplinas escénicas como o clown, a máscara, a acrobacia e os títeres de cachiporra, articuladas arredor dun elemento central de forte peso simbólico e visual: un motocarro avariado, que funciona como espazo escénico e tamén como terceiro protagonista da peza. Todo isto complétase cun universo sonoro integrado na propia acción, reforzando o carácter popular e itinerante da montaxe.
Co apoio do Centro Dramático Galego, ÑiquiÑaque prevé percorrer arredor de vinte concellos galegos durante os próximos meses, levando a escena a prazas, torreiros e campos da festa nunha clara aposta por descentralizar a exhibición teatral e achegala a novos públicos.
Unha peza que reivindica o humor, a precariedade e a resistencia do oficio teatral desde a retranca, a emoción e a celebración colectiva da escena.

