A Sala Ártika acolleu a estrea Non pasarán, de Ártika Cia, a súa compañía residente. Un texto de Vanesa Sotelo e Tito Asorey que reflexiona sobre como as ideoloxías de extrema dereita levan anos entrando aos poucos nas nosas casas e estragando a nosa sociedade.
O 23 de novembro foi sábado, deixou de chover, fixo unha calor estraña e eu atravesei Galicia para ir ao teatro. Viaxar da Coruña a Vigo no coche —non había tren de regreso— é un deses luxos que hai que darse de cando en vez. Coma min, moitas galegas e galegos gastaron un lote de euros en “baixar” á principal cidade do país. Uns por ver as luces de Nadal, outros por ver ao Celta empatarlle ao Barça, algúns por visitar á familia… e uns cantos por asistir a unha das últimas estreas teatrais do ano.
Na avenida da Beiramar, nun punto onde Coia e Bouzas se confunden, a Sala Ártika leva dez anos producindo e programando teatro e danza, impartindo obradoiros e conformándose como un dos polos culturais máis interesantes de Galicia. O lugar da estrea, neste caso, tamén aporta unha carga simbólica importante, representar nun núcleo obreiro unha peza como esta, gaña máis forza.
Non pasarán é unha comedia ácida, negrísima, incendiaria, divertida e… pesimista? Pode ser que os tempos actuais, con líderes e gobernos inverosímiles, nos que o medo gaña o pulso á ilusión, fagan que confundamos realismo e pesimismo. Vanesa Sotelo e Tito Asorey póñennos nun lugar incómodo como espectadores, asistindo á irrealidade que cada vez torna máis real. Unha vaga de incendios está asolando a cidade e os cidadáns non son capaces de loitar contra estes sucesos nin facer valer os seus principios. As renuncias e a incapacidade de comprender o que está acontecendo acaba por volvelos cómplices da destrución. Cando lle abres amablemente a porta ao fascismo, vencer non parece unha posibilidade.
Nas butacas, o público ri, desfruta a posta en escena e a interpretación de Marcos Alonso, Rocío Salgado, Fernanda Barrio e Martín Maez, pero á vez cuestiónase o que está a facer por evitar a súa propia aniquilación. É duro asistir a un retrato tan cru dun dos momentos menos memorables da sociedade occidental. E aí está o gran acerto desta obra. Non pasarán debuxa con precisión un momento histórico, unha sociedade ferida que non é quen de recompoñerse duns golpes que, aínda véndoos vir, non é capaz de esquivar. Faino desde o simbólico e desde o humor, que é tal vez a ferramenta que mellor pode retratar o ser humano.
“Quedei tocado”, comentaba alguén na ringleira de atrás, “vaia hostión de realidade”. Se non fora polo xuramento, ben podía titular este texto así, porque define como só son capaces de definir as expresións populares unha situación tan inexplicable. A parte positiva? Que aínda temos a capacidade de crear e desfrutar coa arte. E podemos rir. Mentras iso pase, hai esperanza.