Achegámonos ao novo espectáculo da compañía Os Náufragos Teatro arredor dun rural deshabitado; ás súas causas e consecuencias e á necesidade de ser, estar e, sobre todo, resistir.
O pano está pechado, mais en escena está a voz narrativa e introdutoria que nos acompañará ao longo da obra. Jimmi Núñez representa ese papel narrador que apunta e nos traslada as pequenas acotacións do texto. Un papel que solta e recolle para, por momentos, adentrarse na trama como un personaxe máis.
Ábrese o pano. A historia é, tristemente, extrapolable a moitos territorios galegos, onde a expropiación ao servizo do capital semella non ter límites. Asistimos, unha vez máis, ao espolio do rural; á privación da supervivencia material e inmaterial das nosas meras existencias.
A peza adéntranos, a través dunha relación familiar, na realidade de moitas comunidades veciñais, onde as condicións territoriais e a extensión de monte —edificado ou non— son favorables para o levantamento de parques eólicos. Como ben sabemos, nestas terras unhas veces o motor da industria é un e outras veces é outro. En calquera caso, as extensións verdes rematan sendo salpicadas ben por eucaliptos ou ben por aeroxeradores, deixando ao pobo asumir todas as súas consecuencias que, na maioría dos casos, se impoñen sen ningún tipo de contemplacións.
O decorado é lixeiro, roda para adquirir o valor e o contexto de cada estancia; trasládanos ao pasado co negocio familiar, ao presente coa rehabilitación da vella casa e ao futuro coa vontade de construír de novo. Aquelo que realmente pesa son os recordos, as raíces, toda unha vida no lugar… O decorado asume esa versatilidade. A casa non se move e, como feito extaordinario, asistimos a súa desaparición.
O papel que xoga esta actividade —aparentemente eco friendly— na contorna é debastador. A sociedade galega leva anos esixindo un novo modelo enerxético, que poña no foco ás persoas e en valor as nosas terras, pois o impacto medioambiental está sacrificando o noso rural en beneficio do capital. Pan para hoxe e fame para mañá.
E diso vai a obra: da máxima expresión individual e colectiva, de tomar acción e de posicionarse no cántico e o baile que significa a vida; de deixar de mirar o dedo para pasar a ver a lúa.
A compañía Os Náufragos Teatro convídanos, unha vez máis, á cavilación sobre unha temática que podería dicirse cotiá, para abordala nunha dramedia cun humor narrativo impecable, cunha actitude discrepante e inconformista. O chamamento á introspección propia e á reflexión colectiva é dos poderes máis fortes que ten a interpretación; un teatro que nos fala do noso e que pon no foco as nosas historias propias, en primeira persoa. Unha manifestación en toda regra.