En 2024 o Centro Dramático Galego cumprirá 40 anos levando a escena unha das producións máis ambiciosas da súa historia ao contar cun elenco de 20 actores e actrices. O espectáculo estará dirixido por Tamara Canosa e o proceso de selección de intérpretes está aberto ata o 27 de xuño.
O Centro Dramático Galego estreará en abril de 2024 unha produción propia de gran formato, que será a montaxe principal dun ano no que a compañía teatral pública conmemora 40 anos de historia. Tamara Canosa será a directora do espectáculo, que versará sobre as premisas que rexen no formato televisivo dos talent shows: a competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio.
A montaxe tamén explorará as novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán no marco do proxecto europeo Phōnē, unha iniciativa na que participa Galicia e que emprega o teatro como ferramenta para a posta en valor de linguas minoritarias. Deste xeito, a nova produción do CDG explorará novas vías de desenvolvemento creativo con entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e os Países Baixos.
O espectáculo subirá a escena un total de 20 actores e actrices, o que supón un dos elencos máis numerosos nestes 40 anos de producións públicas. A convocatoria do proceso de selección dos integrantes do elenco xa está aberta e o prazo para enviar as solicitudes remata o vindeiro 27 de xuño.
Sobre Tamara Canosa
O CDG confía a dirección do espectáculo na actriz e directora Tamara Canosa (A Coruña, 1983), quen conta cunha recoñecida traxectoria tanto no audiovisual como no teatro. Neste eido, participou como actriz en producións como A pensión, de Redrum Teatro, e exerceu a dirección en espectáculos como Liberto ou Amantis, de Rebordelos, a produtora que creou xunto a Xacio Baño.
Reposición de Terceiro acto
Ademais da nova produción, o CDG proporá outras actividades para a celebración das súas catro décadas de vida. Entre elas, en xaneiro recuperará Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez. Como a súa estrea en abril de 2021 estivo marcada polas restricións da Covid, é de xustiza que se recupere esta peza que rende homenaxe á historia do teatro galego pois o elenco, formado por Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha “Tatán”, é unha representación da xeración que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia. Todos eles volverán subirse ás táboas en 2024.