A compañía estreará a súa primeira produción de longo formato no Teatro Jofre de Ferrol o próximo 5 de abril.
A compañía de danza D’Elas estreará o seu novo espectáculo É difícil fotografar o baleiro no Teatro Jofre de Ferrol o próximo 5 de abril ás 20.30 horas. Esta será a primeira produción de longo formato para teatros e auditorios dun colectivo integrado por dez artistas emerxentes: Andrea Castro, Eloi García, Martín Sanjurjo, Myriam González, Nerea Balado, Julia Laport, Sabela Domínguez, Iria Casal, Noelia Mato e Diana Montserrat.
“Este espectáculo é unha aposta por atopar se existe algo máis aló do corpo. É un cuestionamento poético da verdade, do centro, da transcendencia. A través das experiencias de seis corpos moi diversos atopámonos coa superficialidade da identidade, cunha busca dunha esencia difícil de conquistar. As dinámicas xeradas entre estas seis intérpretes mergullan ao espectador nun tránsito entre corpos baleiros e corpos que aluden á intuición, á transcendencia ou á ilusión”, sinalan desde D’Elas.
A viaxe que propoñen móvese entre cantos gregorianos e a música techno de LLXNTO e Bruno Baw, atendendo tamén á coordinación e á utilización da palabra que caracteriza ao colectivo. “É difícil fotografar o baleiro é un mundo plástico que por momentos nos leva a ver a música a través dunha masa de corpos e por momentos nos atopamos mergulladas na intimidade do individuo, no seu baleiro”, explica o colectivo, formado no 2020 cando as súas integrantes se xuntaron coa necesidade de crear e desenvolver conxuntamente. As súas compoñentes proceden das danzas urbanas e danzas club (House, Waacking, Hip Hop ou Popping), ademais de formarse en danza contemporánea e facer parte na actualidade de outras compañías de creación escénica.