‘O Refuxiado’, unha comedia sobre o triste que é todo

Outros

Domingo, noite. É a primeira fin de semana de frío dun outono peculiar, coma todos os outonos. Chove e venta, condicións malas para a condución pero boas para refuxiarse nos cines, nos teatros e na comedia. E resulta que nesta sátira social con moita comedia e un gran drama —ou varios, segundo como o mires— de fondo que é O Refuxiado, temos moito de teatro, de comedia e de cine.

Do cine, concretamente dos clásicos de Hollywood, saca a inspiración para os seus discursos e artimañas políticas o personaxe que interpreta Alejandro Carro: Iván, o mago das palabras. Estamos diante do que nos 90 coñecíamos —de oídas— como un spin doctor e na actualidade —polas críticas en Twitter e blogs de ciencia política— como asesor político. Este personaxe é quen move os destinos do resto de actores da obra, un político e a súa familia, cuxos futuros familiares e político dependen das maquinacións deste gurú da comunicación que cre no poder da palabra como método non só de control senón de defensa.

Precisamente a palabra é a gran arma deste espectáculo dirixido por José L. Prieto e escrito por Andrés Mahía, e tamén da compañía Stracciatella Teatro cuxa razón de ser é, en palabras da súa responsable Iria Lamas, facer teatro arraigado no poder revolucionario das palabras. O Refuxiado é un bo exemplo desta filosofía. Trátase dun texto moi sólido, acompañado dunha escenografía sinxela cunha sonoplastia minimalista que aporta notas de cor a unha historia sobre a escuridade das almas, sobre as miserias da sociedade occidental.

Esta produción nace da boa sintonía entre o equipo do primeiro espectáculo da compañía … e poñerán esposas ás flores… de Fernando Arrabal, quen deu “dereito plenipotenciario” a Iria Lamas para representar o texto. Esa montaxe sentou as bases do teatro que queren desenvolver os seus membros, co obxectivo de “facer de espello para reflexionar sobre a realidade”.

O Refuxiado é unha obra que pretende tomar consciencia dos nosos defectos

O refuxiado ao que fai referencia o título é unha escusa, unha palabra máis —cargada de simbolismo e forza, iso si— que serve aos protagonistas para intentar reconducir as súas complicadas situacións e á trama para avanzar e facer medrar as contradicións e miserias duns personaxes que resultan arquetípicos e reais ao tempo. Paco, o político en apuros a quen asesora Iván, está vivindo problemas legais por irregularidades urbanísticas. A súa muller vive nun mundo aparte, descrida, aburrida e alcolizada, e a filla de ambos atópase en plena construción da súa identidade, con toda a imprebisibilidade que iso conleva.

Paco nace do boli de Andrés Mahía que se afanou a escribir esta obra “por unha única razón, volver a subirme a un escenario como actor”. Sempre resulta interesante ver un personaxe interpretado por quen o creou, podemos ver así ese proceso no que, como indica o propio Mahía, os personaxes que nacen sobre o papel “crecen e fanse de verdade sobre o escenario, nos ensaios. Cando empezan a falar en voz alta, a relacionarse cos outros, a ser observados polos ollos críticos dos compañeiros e do director”.

Facemos de espello para reflexionar sobre a realidade

Entre os catro personaxes que interpretan Alejandro Carro, Andrés Mahía e Iria Lamas (quen interpreta á muller de Paco e á súa filla Almudene), escenifican moitos dos problemas que como sociedade fomos adquirindo ao longo do tempo. Non estamos diante dunha intriga política ou dun drama social, O Refuxiado é unha sátira que expón moitas realidades perversas e grandes problemas actuais pero enunciando preguntas máis que dando respostas. En palabras de Iria Lamas, a obra pretende “tomar consciencia dos nosos defectos”.

Non estamos pois diante dun teatro documental ou dunha parodia simple e efectista, O Refuxiado amósase como un espectáculo sólido e comprometido e un gran exercicio de estilo saído da mente dun dos creadores máis reputados do audiovisual galego que debuta na escritura teatral con este espectáculo. E é que “son distintas as mañas do guionista de comedia das mañas do creativo de publicidade… hai unha diversidade enorme en todos os traballos de escritura. Por iso, cando me puxen a escribir O Refuxiado non esperaba levar a sorpresa que levei. Aos dous ou tres folios deime conta de que podía facer o que quixera!”. Esa liberdade chega ao público, que pode ver como o teatro pode contar desde a proximidade e a inmediatez que ningún outro medio permite.

Estamos ante unha sátira que expón moitas realidades perversas e grandes problemas actuais pero enunciando preguntas máis que dando respostas

Artigos relacionados