A Sala Ártika de Vigo acolle esta fin de semana a estrea de Non Pasarán, o novo espectáculo de Ártika Cía. A obra poderá verse o sábado 23 de novembro ás 20.00 h e o domingo 24 de novembro á mesma hora. Ademais, tras a función do domingo, haberá un coloquio co equipo artístico.
Baixo a dirección de Tito Asorey e coa dramaturxia asinada por el e Vanesa Sotelo, Non Pasarán propón unha reflexión incisiva e necesaria sobre os perigos que entraña o rexurdimento das ideoloxías de extrema dereita en tempos recentes. Inspirada por unha realidade política que inclúe figuras como Trump, Bolsonaro, Milei ou Meloni, a obra parte da perplexidade ante un panorama que parecía inimaxinable hai só uns anos e ofrece unha resposta teatral cargada de humor, crítica e compromiso social.
Con interpretacións a cargo de Fernanda Barrio, Marcos Alonso, Martín Maez e Rocío Salgado, a obra aborda estes temas complexos desde o humor, xogando co contraste entre o absurdo e a realidade. A escenografía, deseñada por Carlos Alonso, e a iluminación de Laura Iturralde completan unha posta en escena que busca conectar directamente co espectador. A produción está en mans de Anxo Fernández.
Cunha visión ambiciosa e un enfoque multidimensional, o proxecto establece unha serie de obxectivos que abarcan desde a sensibilización e a reflexión ata a acción e o compromiso.