O teatro tamén se le: 5 libros para iniciarte na literatura dramática

Outros

Este tempo de verán é tan bo como outro calquera para dedicarlle tempo á lectura, se ben é certo que temos por costume ler máis nesta época. Hai quen fala de “libros para o verán”, mais os libros, libros son. Propoñemos cinco títulos do teatro galego cos que iniciarse la lectura de literatura dramática e aproveitar o tempo de lecer.

Se cadra, ás veces non resulta tan obvio pensar que para representar unha peza, para dar vida a unha obra sobre as táboas, é preciso partir dun texto; formatear as palabras e adaptalas para, finalmente, compoñer a literatura dramática.

Por isto, a versatilidade do teatro ten partida dobre: asistimos ao teatro representado, en escena, ante a platea e os palcos, mais tamén materializamos ese teatro vivido nas nosas mans, en formato editorial, para poder imaxinalo ao noso xeito.

O teatro dase nun espazo e nace no lapis e o papel, polo que non tería sentido perder a súa lectura; onde cada palabra perfila a imaxe do decorado, do atrezzo, dos rostros e tamén pon son ás voces como dá vida ás luces. Na lectura drámatica somos todas directoras.

Rastros, Roberto Vidal Bolaño

Ás veces as situacións máis complexas agasallan momentos inesperados, onde se cruzan os camiños das persoas coas que se comparten espazos, momentos e sentimentos. Estas pegadas ecoan, dalgún xeito, no noso presente, trazando o seu perfil. En Rastros asistimos á conversa sobre a propia vida, sobre nós mesmos. Un debate sobre a profundidade do ser, analizando as variables que o definen, cos seus máis e cos seus menos.

Don Hamlet, Álvaro Cunqueiro

Neste texto partimos das bases shakespearianas para dar forma a unha nova historia. Adentrámonos na trama que segue os pasos do propio Hamlet, onde Cunqueiro visualiza unha nova andaina e reflíctea sobre o papel dende un punto de vista singular; revisando este clásico no seu presente. Trátase, nas súas propias palabras, “da explicación eterna dun suceso chamado Hamlet”.

Eroski Paraíso, Chévere

Con Eroski Paraíso abrazamos o presente e o pasado á vez, materializamos o paso do tempo, case podemos tocar aquelo foi e hoxe xa non é. Trátase de toda unha comedia documental, que bebe de pequenas historias reais e faino explorando a memoria colectiva; un convite a rememorar a través dunha ollada nostálxica, que nos facilita as ferramentas para comprender mellor o presente e cuestionar o tempo actual.

A Piragua, Cándido Pazó

Nesta obra, o autor aborda un tema delicado como é a violencia de xénero dende unha perspectiva diferente, empregando a propia arte da dramaturxia para falar e afondar sobre unha preocupación, unha evidencia, que aínda hoxe inunda a actualidade. Esta traxedia comparte escena co humor para achegarnos unha realidade a través de diferentes circunstancias, pensamentos e personaxes que forman parte do cotiá, mais que non por comprender a norma deben permanecer estáticos.

As alumnas, Paula Carballeira

Esta peza de teatro foi galardoada dobremente no ano 2023, recibindo o Premio Nacional de Literatura Dramática e o Premio Follas Novas á Mellor Obra de Teatro.

A historia versa sobre dúas vellas amigas, antigas compañeiras de escola, ás que a mesma muller  —a súa profesora— lles abriu un mundo novo cheo de posibilidades a través da súa docencia. Cunha educación rebelde para a época, estas mulleres lembran os tempos pasados que non distan do presente, xogan a imaxinar aquilo que significa ser muller e todos os dereitos que aínda están por vir.

Artigos relacionados

Premios e públicos, en universos paralelos

Os datos do Observatorio da Cultura Galega sitúan o teatro galego nun lugar preocupante, ocupando as últimas posicións en canto a relevancia por debaixo de música, literatura, audiovisual e mesmo institucións culturais.