Voces da Compañía de Teatro da Universidade de Santiago, ARTías Teatro e da Aula de Teatro Universitaria de Ourense cóntannos como son as dinámicas de creación e traballo teatral na Universidade.
A universidade é moito máis que un lugar onde estudar e sacar un título. É un espazo onde experimentar, probar, gozar, pór en común e coñecerse. Coñecerse a unha mesma e tamén a outras persoas ás que che une un interese compartido, como pode ser o amor pola arte e a creación teatral.
Así é como as persoas entrevistadas coinciden en definir e caracterizar a actividade desenvolta dende as aulas de teatro universitarias. Espazos aos que a xente acode coa intención de distraerse e achegarse ao feito teatral dende o desfrute, mais non só iso, pois o teatro afeccionado vai moito máis aló.
A implicación co proxecto e as compañeiras, así como a responsabilidade, son valores cos que Antía Cortegoso se topou ao momento de entrar a formar parte da Compañía de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Unhas aprendizaxes e dinámicas que modelaron a súa visión da creación escénica e que agora recupera nos seus proxectos persoais. “Ensaiando cunha compañeira fun consciente de que sabía desenvolverme neste sentido, sabía distinguir o que podería funcionar escenicamente e por inercia empezamos a traballar aplicando a dinámica que tiñamos aprendida da aula, a mesma disciplina e o mesmo compromiso, partindo sempre da honestidade”, explica a actriz, quen formou parte da Aula durante os seus catro anos estudando o grao.
O habitual é pensar nos proxectos teatrais afeccionados como espazos nos que os textos se cocen a lume lento, coa liberdade de quen traballa sen as ataduras e as présas propias do teatro profesional. As aulas son un espazo de formación nos que prima a actividade pedagóxica sobre a produción dun espectáculo: “Isto permite construír un ambiente moi familiar, que dá lugar á experimentación e á creación dunha rutina de grupo”, comenta Cortegoso, que como membro da Compañía da USC tamén puido entrar en contacto cun ritmo de traballo que se asemella moito ao do circuíto profesional, “normalmente enfocado a un período temporal de montaxe, entre outubro e decembro, e outro de xira, de febreiro a abril/maio”.
Na valentía do elenco e a elección das obras fai fincapé Ana Ponte, actriz, dramaturga e dende fai un ano tamén directora de ARTías Teatro: “No teatro afeccionado tes a posibilidade de facer a obra que queiras facer, sen importar o comercial que poida ou non poida ser. Dende un clásico descoñecido, ata un poema esquecido. Podes xogar todo o que o elenco se atreva, claro”.
Unha liberdade creativa que Ponte non dubida en aproveitar á fronte de ARTías, un grupo conformado por mulleres que forman ou formaron parte do ámbito laboral da USC e que leva máis dunha década sobre as táboas. “Cando escribo gústame que non sexa un mero divertimento, gústame que a xente ría, pero que tamén saia con certo rumrum na cabeza. Niso penso o mesmo que as integrantes de ARTías. Ademais sempre trato de ter en conta o que escoito nas conversas, das suxestións que me fan, trato de escribir non só para min, senón para o que entendo que pode gustar ao elenco. Iso fai o proceso máis complicado, obviamente, porque cada unha delas ten unha visión moi persoal das cousas”, comenta.
Ese rumrum é o que as leva a querer facer un teatro divertido mais tamén reivindicativo e actual. Co texto ‘Meigas, bruxas… mulleres’, Ana Ponte e o elenco de ARTías aproveitan o gran escaparate que é o teatro para reivindicar a voz das mulleres non só nas artes escénicas, senón tamén na sociedade. “Por iso é tan importante que busquemos foco, que nos fagamos un oco, que sexamos protagonistas, ou coprotagonistas, en igualdade de condicións”, aclara a directora e dramaturga.
ARTías vén de presentar a súa última proposta escénica na 23a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, compartindo programa coas montaxes doutras compañías independentes da USC como Malditos Triglicéridos e LaBarata Producións, así como coas restantes aulas de teatro de Galicia que continúan en activo.
Neste senso, o apoio e colaboración entre aulas é un elemento crucial para Fernando Dacosta, director da Aula de Teatro Universitaria de Ourense e do seu grupo de nivel superior, Maricastaña. “A miña tese: ’25 anos de teatro universitario galego’ procura demostrar que existe un sistema teatral universitario galego, e tanto as diversas mostras e festivais de Galicia como o intercambio é unha parte fundamental dese sistema”, subliña o dramaturgo, quen leva dende 1994 facéndose cargo da coordinación da Aula.
A experiencia dos ensaios complétase así coa participación dos distintos grupos nos numerosos certames que se organizan non só a nivel galego en cada unha das cidades universitarias, senón tamén a nivel nacional e internacional. “Considero que a aprendizaxe baseada na experiencia é unha práctica fundamental para a formación actoral: coñecer diversos públicos, diferentes teatros, as diferentes formas de traballar das e dos técnicos…”, explica Antía Cortegoso. A intérprete viaxou coas montaxes da Compañía por escenarios de toda a xeografía nacional, así como tamén a países veciños como Portugal e a outros moito máis afastados como é o caso de Lituania e Estonia. Do mesmo xeito, non dubida en destacar a importancia destes eventos como espazos onde intercambiar impresións ao redor dos distintos espectáculos participantes e nos que crear e fortalecer relacións entre artistas e compañías.
Multitude de aspectos fan das aulas de teatro un proxecto asentado e amplamente aceptado entre a comunidade universitaria e o conxunto da poboación: as elevadas taxas de matriculación nos diferentes niveis formativos e o fantástico seguimento por parte de público e medios das programacións confírmano.
Pese a todo, a redución de orzamentos nos últimos anos fixo que o teatro universitario estea a vivir, en palabras de Dacosta, un momento de resistencia. “Se o reto foi a creación e mantemento dese tipo de mostras, de varios niveis e dun circuíto, o reto agora está en resistir confiando en que veñan tempos mellores”, explica.
Recoñecementos como o premio de honra nos María Casares, concedido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia ex aequo ás Aulas de Teatro de Santiago e Ourense, loan o incansable labor de todas aquelas persoas que participaron destes espazos de formación e produción teatral e que fixeron deles un referente cultural. E é que entender o teatro galego actual sen reparar na actividade realizada nas aulas de teatro universitarias ao longo de tres décadas é tarefa imposible.
“É unha alegría sobre todo para ofrecerllo a quen nos financia e dicirlle: déronnos isto, parece que algo se está a facer ben, entre todas”, apunta Fernando Dacosta. Galardóns como o obtido o pasado 2019 son tan só unha pequena mostra da vitalidade das aulas e de que as ganas de seguir tecendo redes, creando e formando profesionais e público afeccionado están máis vixentes que nunca. Porque se algo teñen claro as entrevistadas é que o teatro universitario ten moito, moitísimo que ofrecer.