A nova proposta da compañía de Gustavo del Río segue estela de HUGO, Premio María Casares 2022 a mellor espectáculo para á infancia, e aborda o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH). O Auditorio do Centro Ágora da Coruña acollerá a estrea da peza o vindeiro 27 de setembro ás 19 horas.
Candela e Bruno son as protagonistas de Bulebule, o novo espectáculo de Os Náufragos Teatro dirixido a público infantil e familiar. A Candela encántalle o mar e soña con ser a patroa dun barco que quere construír ela mesma. Chámana Bulebule porque non para un segundo: ten Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH). Bruno vive nun faro e sente paixón por compoñer música. A través da súa relación, a peza explora o valor da diversidade dando visibilidade ao TDAH. A obra amosa a ilusión e o tesón de Candela por acadar os seus soños, malia as dificultades que atopa por vivir nunha sociedade que non sempre entende a súa incansable enerxía e que non permite ás mulleres acceder a determinadas profesións.
Con Bulebule, Os Náufragos Teatro segue a estela de HUGO, Premio María Casares 2022 a mellor espectáculo para a infancia, unha peza que aborda o Trastorno do Espectro Autista (TEA) e que recibiu o recoñecemento do público e da crítica. En 2024 foi unha das quince propostas internacionais seleccionadas para participar no Festival internacional de artes escénicas para a infancia e a xuventude que promove ASSITEJ International, institución de referencia a nivel mundial no ámbito do teatro e das artes vivas para a infancia. Precisamente, en Bulebule, Jimmy Núñez (Bruno) repite como parte de elenco ao lado de Irene Lorenzo (Candela). A peza conta coa dramaturxia e dirección de Gustavo del Río, música de Daniel Valentín, espazo escénico de Claudia L. Franco e iluminación de Daniel Pais.
Os Náufragos Teatro é unha compañía afincada na Coruña cun amplo percorrido en escenarios galegos, españois e internacionais. Desenvolven proxectos adaptados a todo tipo de públicos que teñen a vontade de concienciar e sensibilizar, dun xeito amable, sobre a crueza dos procesos de discriminación e desigualdade social. Fortemente comprometida, nas súas producións (Noso, HUGO, Karelu, Castrapo, Pura…) a compañía dá visibilidade ás realidades dos colectivos máis vulnerables ou nas marxes, abordando temáticas como a discriminación por razón de identidade sexual, diversidade funcional, acoso escolar ou violencia intrafamilar. A compañía aposta polo talento creativo galego e por tratar temas sociais cunha clara vocación de proximidade co público.
As entradas para a estrea, que terá lugar o vindeiro 27 de setembro, ás 19 horas, no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, a están á venda. Posteriormente, Bulebule estará o 27 de outubro en Lugo e o 26 decembro viaxará á Sala Ártika de Vigo.