Nove espectáculos foron galardoados nunha XXVII edición dos María Casares. As que limpan e O porco de pé foron as grandes gañadoras desta gala dedicada ás profesionais máis precarias e invisibilizadas do teatro.
Na noite do xoves, 30 de marzo, o Teatro Rosalía de Castro foi un circo e o que aló aconteceu, unha pallasada. Acrobacias, humor retranqueiro, cabaré, bailes no aire, música en vivo, titiriteiros: os Premios María Casares deron conta do enorme talento das artes escénicas galegas e da mágoa polo perdido ao deixar nas marxes certas expresións artísticas. Esta XXVII edición estivo dedicada precisamente a todo o que habita esas beiras —xéneros, oficios e profesionais—, moi presente nos discursos dos galardoados e galardoadas e mesmo na temática do que resultou o Mellor Espectáculo, As que limpan, de A Panadaría.
Outros tres premios levou esta montaxe sobre a loita das camareiras de piso nas categorías a Mellor Actriz Protagonista, para Noelia Castro, de Mellor Dirección e Mellor Guión, para Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. As gañadoras explicaron que o espectáculo “non pretende dar voz, porque elas xa a teñen”, e reivindicaron o labor das limpadoras en todos os ámbitos, tamén no teatro.
Foron nove as montaxes que levaron algunha estatuíña nuns premios que caeron bastante repartidos. O porco de pé, de Producións Teatrais Excéntricas, foi recoñecida como mellor adaptación-tradución, de Quico Cadaval e Pepe Sendón; actor secundario, para Evaristo Calvo; e vestiario, de Carlos Alonso. Ás oito da noite, cando morren as nais, do CDG e Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, levaron dous premios cada unha.
As marxes das marxes
Cambiar a orientación dos focos para reparar nas máis precarias era a trama de fondo. As propias actuacións dunha gala tan distinta ao que unha cerimonia deste tipo adoita ser era unha chamada de atención, un xeito de amosar a dignidade que tantas veces lle foi quitada ao circo, aos monicreques, ao cabaré ou aos pallasos. Tamén se sinalou cara á unha beira do escenario, cara ao grupo NachoFaiaLar —que tan ben o fixo—, fíxoo Mon Orencio, premiado en Mellor Espazo Sonoro, quen tamén reivindicou a música en directo nos espectáculos.
Ás sorpresas coa descuberta de quen ía levando as cabeciñas de María Casares engadíaselles a de que farían agora sobre o escenario o elenco que compoñían Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Álvaro Fitinho, Johanna Hesse e Beatriz Rubio. A provocación de facer nun evento coma este algo que o imaxinario social afasta da idea de arte, ou incluso ve como nada serio, era só o punto de partida. Non quedou nada sen dicir nin nada do que rir. A aberta crítica social e, sobre todo, política nas actuacións previstas para esa noite da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fala máis do tecido social e do compromiso das artes escénicas galegas ca ningún manifesto ou discurso, aínda que disto tamén houbo.
Clara Gayo leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Ou, mellor, recitouno. “Sabemos que a nosa miseria non é diferente da miseria común, ofrezámola, pois, sen pudor, coa consciencia desesperada de que cada función puidera ser a derradeira”.
Xosé Barato, o presidente da AAAG, foi quen trouxo ao noso presente unha presa de palabras de María Casares, “o teatro é político”, tan acaídas no contexto de ano electoral que supón un motivo máis de inestabilidade. Sobre a precarización do sector e as responsabilidades políticas xirou a intervención, que sinalou en especial o papel dos medios públicos galegos. “Gustaríame dicir que nos están a ver dende a casa a través da televisión pero non é así. É unha anomalía e unha falta de respecto”. Barato tamén manifestou solidariedade cos traballadores e traballadoras que se manifestan contra a manipulación nos venres en negro.
Novas categorías para adaptarse á realidade
Desta volta os Premios María Casares incluíron dúas novas categorías: Dirección de Movemento e Espectáculo de Monicreques, Obxectos e Figuras Animados —cuxo nome seica foi complicado de establecer—. O presidente da AAAG explicou que “estes cambios teñen que seguir producíndose para que se adaptarse á realidade do país”.
Xela e o Dragón Traga-Verbas de Títeres Cachirulo foi o primeirísimo mellor espectáculo deste xénero en gañar a categoría debutante. En Dirección de Movemento os premiados ex aequo —que vén dicir que quedaron a empate— son Rut Balvís por Ás oito da tarde, cando morren as nais, e Diego Anido e Guillermo Weickret por O deus do pop.
Foi así unha data que quería falar sobre o que non se adoita falar e, tamén, facer por poñelo na conversa. Pero quizais fosen estes Premios María Casares, máis ca nada, un pasalo ben nas marxes das marxes.