O teatro galego viviu onte a súa gran noite coa celebración dos XXX Premios María Casares na Coruña. Nunha edición especial polo seu carácter simbólico, a gala puxo o foco na memoria colectiva da escena e no seu porvir.
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolleu este 8 de abril a trixésima edición dos Premios de Teatro María Casares, consolidada xa como a gran cita anual das artes escénicas en Galicia. Organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), os galardóns volveron reunir o conxunto do sector nunha noite que combinou celebración, recoñecemento e tamén reivindicación.
A gran protagonista da velada foi Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, que partía como unha das favoritas e confirmou as expectativas ao acadar seis premios: Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo). Un triunfo que reforza o percorrido dunha montaxe que xa viña destacando pola súa capacidade de conectar memoria histórica e linguaxe escénica contemporánea.
O palmarés deixou tamén espazo para o recoñecemento doutras propostas destacadas da tempada. A serie clopen, do Centro Dramático Galego, levou dous galardóns (Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada), mentres que TROMSØ, de Morraoconto, foi premiada en Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.
Nas categorías interpretativas, Fran Lareu asinou un dobrete ao recibir tamén o premio a Mellor Actor Protagonista por Un tal Romeo, nunha das imaxes máis celebradas da noite.
No ámbito familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi recoñecida como Mellor Espectáculo Infantil e tamén en Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) acadou o premio a Mellor Espectáculo de Monicreques, confirmando a vitalidade da creación escénica dirixida ás primeiras idades.

Máis alá dos premios, a gala estivo marcada pola homenaxe a Manuel Lourenzo, figura fundamental do teatro galego contemporáneo, falecido no verán de 2025. Baixo a dirección de Gloria Rico, o espectáculo fuxiu do ton solemne para converterse nunha celebración da súa vida e obra, articulada como unha festa popular sobre o escenario. A proposta combinou música en directo, interpretación e momentos de forte carga simbólica, cunha estética que evocaba o universo do dramaturgo a través de elementos como a esfera, o azul da zona do Valadouro ou as doas tradicionais.
O elenco, formado por Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal, estivo acompañado por un cuarteto musical que contribuíu a construír unha velada dinámica, na que se alternaron momentos de humor, emoción e poesía. Entre os instantes máis destacados, o In Memoriam dedicado ás profesionais falecidas en 2025 e a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, asinado por Carlos Callón, que puxo o foco na situación da lingua e no papel do teatro como ferramenta de revitalización cultural.

Un dos momentos máis significativos foi tamén a entrega do Premio de Honra Marisa Soto á actriz e activista Luma Gómez, recoñecendo unha traxectoria marcada polo compromiso co teatro e co asociacionismo profesional en Galicia.
A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala cun discurso no que, ademais de facer balance destas tres décadas de premios, chamou a reforzar o apoio institucional ao sector e alertou sobre a necesidade de defender a lingua e os dereitos culturais nun contexto de crecente presión. A súa intervención subliñou o papel do teatro como espazo de empatía e construción colectiva.
Trinta anos despois da súa creación, os Premios María Casares volven demostrar a fortaleza e diversidade da escena galega, cun tecido creativo que continúa medrando entre a tradición e a contemporaneidade. A gala pechouse cunha celebración conxunta sobre o escenario, reafirmando o teatro como un lugar de encontro, memoria e futuro compartido.


