O proxecto unipersoal de Pablo Sánchez estrea este sábado, 4 de outubro, no Fórum Metropolitano da Coruña un espectáculo inspirado nos antigos gabinetes de curiosidades.
Pablísimo, o proxecto unipersoal do actor, dramaturgo e narrador Pablo Sánchez, cumpre 25 anos sobre os escenarios e celébrao cunha nova creación: Gabinete Mirabilia. A estrea terá lugar este sábado, 4 de outubro, ás 18.00, no Fórum Metropolitano da Coruña. Será unha función dirixida a público familiar a partir de 4 anos.
Esta nova proposta inspírase nos históricos cuartos das marabillas ou gabinetes de curiosidades, lugares onde se coleccionaban obxectos únicos, misteriosos e mesmo imposibles. Sobre o escenario, Pablo Sánchez combina narración oral e teatro para ofrecer un conxunto de historias e relatos a medio camiño entre o real e o fantástico, o científico e o máxico e o engano e a diversión.
O público poderá descubrir fauna imposible, antigüidades prodixiosas ou aparellos científicos enigmáticos nun espectáculo que non os deixará indiferentes.
O espectáculo, creado, dirixido e interpretado por Pablo Sánchez, súmase ás máis de vinte producións que o artista desenvolveu ao longo de 25 anos de traxectoria. Nesta ocasión, Gabinete Mirabilia conta tamén co traballo de profesionais como Juan Carlos Guerra (vestiario), Pepablo Patinho e Montse Piñón (escenografía) ou Lorena Suárez (atrezzo), entre outros.
Ao longo da súa carreira, Sánchez asinou propostas recoñecidas dentro e fóra de Galicia, como Cabicivai ou O arquivo do chibo, pezas de pequeno e mediano formato nas que experimentou coa narración oral, os monicreques, a música en vivo ou o teatro de sombras. O seu proxecto Pablísimo forma parte do catálogo da cooperativa Urdime, consolidando a súa carreira e traxectoria na escena galega actual.
As entradas para a estrea de Gabinete Mirabilia no Fórum Metropolitano da Coruña están xa dispoñibles.


