A narración oral en Galicia pode presumir de ter moitas estrelas, e Quico Cadaval é referencia imprescindible para todas elas. Neste outono comeza a celebración dos seus trinta anos contando historias cun espectáculo especial no Teatro Principal de Santiago. A Asociación Memoria Atlántica, organizadora do Festival Atlántica, promove coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e o patrocinio do Concello de Santiago unha función única que aspira a ser unha homenaxe, un agradecemento e unha celebración das boas historias.
En 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, Cadaval recupera algúns dos seus mellores contos e deixa a porta aberta á participación do público, que está convidado a depositar na entrada do teatro as preguntas que desexen. Durante o espectáculo, algunhas delas serán seleccionadas ao chou e respondidas sobre a marcha polo contador. Así pois, o que aconteza no escenario vai ser unha mestura da habilidade improvisadora do artista e das características da propia pregunta. Todo pode pasar nesta noite única e moito do que ocorra dependerá da capacidade creativa do público asistente.
Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Un espectáculo de narración oral que se foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.
Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Como contador de historias saíu do café Atlántico de Santiago de Compostela e dende aquela espallou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja.
O espectáculo terá lugar o martes, 26 de setembro, no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 20.30 horas. É preciso retirar un convite (dous máximo por persoa) na billeteira do teatro desde dúas horas antes da función.