O actor e músico Sergio Zearreta non deixou de percorrer camiños novos ao longo da súa carreira. A lista é longa: teatro, cine, televisión, grupos de música e ata voos en ala delta. Arredor dun café na Coruña falamos con el sobre os seus inicios e a súa forma de entender o traballo artístico.
Sergio Zearreta (Amorebieta, 1975) é moitas cousas a un tempo. Actor de teatro, cine, televisión, músico, educador social, profesor de teatro musical para nenos e afeccionado da ala delta. Todo iso e outro tanto máis segundo o día. Entre os seus traballos cóntanse series como ‘Padre Casares’, ‘Serramoura’ ou ‘Vivir sen permiso’, películas como ‘Crebinsky’ e moitas obras de teatro. Tamén unha chea de concertos con grupos como Lamatumbá, Banda Crebinsky ou Purple Rei. E boa parte destes Zearretas conviven enriba dos escenarios, aínda que non sempre: “Cando actúo gústame intoxicarme da música, pero como músico son máis purista. Aí non me busco como frontman, senón que vou á miña excelencia como instrumento”, conta.
No seu caso todo empezou nun concerto de Leño, teloneiros de Miguel Ríos na Coruña. “Eu tiña sete ou oito anos e o batería fixo un solo espectacular, que igual agora se o escoito non era para tanto, pero eu desde aquela quixen ser batería”, lembra. Con todo, Zearreta non conseguiu convencer á súa nai de empezar coas baquetas, pero ela levouno a solfexo. “Esa forma de aprender parecíame tediosa, pero houbo moitas cousas que quedaron no disco duro: afinar, saber os tempos ou ler unha partitura”.
Polas súas mans de rapaz pasaron instrumentos como o acordeón, o violín ou o saxofón, co que verdadeiramente enganchou, pero con 16 anos chegou outra revelación á altura da que vivira escoitando a banda de Rosendo. “No instituto [A Sardiñeira, na Coruña] vin un cartaz pequeno que puña ‘Casting para grupo de teatro Sardiña’ e fun probar a ver que era. Fixen o casting cun rapaz que era un manta e que andaba moi distraído. Entón entrei no grupo e ese foi o meu inicio como actor”, explica Zearreta, quen insiste no impacto que tivo Sardiña —”toda unha institución do teatro escolar a nivel estatal”— e o seu director Ricardo Martín. “Collía pezas de teatro latino mesturadas con cousas do momento e faciamos xiras de 40 funcións. Ás veces fronte a case 3.000 persoas, algo que en poucas ocasións vin como profesional”.
O primeiro Hamlet en galego
A partir de aí comezou a carreira do Zearreta actor, quen nunca abandonou por completo a música, aínda que “o que estaba vivindo a nivel teatral era moi explosivo”. Logo diso cursou Educación Social en Ourense, entrou no grupo Maricastaña baixo a dirección de Fernando Dacosta e con 21 anos fixo o ‘Hamlet’ —”fun o primeiro Hamlet en galego, aínda que Luis Tosar diga que foi el”, di entre risos—, unha experiencia que o absorbeu completamente.
Despois chegaron máis obras, un tempo de traballar noutras cousas (nunha inmobiliaria, repoñendo ou descargando peixe) e a produción xunto con Xavi Castiñeiras do monólogo ‘Novecento’, de Alessandro Baricco, onde xa mesturou varias disciplinas. “Fixen algo de danza contemporánea e saquei da maleta o saxofón para substituír a trompeta que aparece no texto orixinal. Era un monólogo total, un pouco co erro da xuventude de querer ensinar todo o que sabes no mesmo espectáculo”.
Novos camiños
Se hai unha constante ao longo da carreira de Sergio Zearreta, tanto na actuación como na música, é a busca constante de novos camiños. Non ter medo a deixar o coñecido para probar cousas novas. “Tanto na música como na interpretación sempre seguín un principio: non quedarme nun só estilo. Iso é o que che fai mellor profesional. En Galicia témolo clarísimo. Que son as orquestras? Vas a un espectáculo onde cho dan todo”, apunta o cantante de Lamatumbá, unha formación na que estivo entre o 2007 e o 2012 e coa que o pasado 2023 volveu aos escenarios. Ao fío das orquestras, Zearreta di que o grupo fai “verbena de autor”. Por que? “Temos baile, diversión e un punto reivindicativo. O primeiro é dar zapatilla, pero ao mesmo tempo escribes cancións para expresar o momento vital no que estás”.
No eido da interpretación leva feitos non poucos traballos, moitos deles no audiovisual, unha disciplina coa que non conecta tanto como co teatro. “Esta cousa de ‘tres e acción’ actívame e faime xogar, pero no teatro hai máis idea de grupo, de ensaiar xuntos durante un tempo e ir tomar algo despois”, confesa. Ese Zearreta televisivo tamén dá conta desa busca de novos vieiros. “Houbo algún proxecto que finalmente non saíu onde facía do malo máis malo que había naquel momento en España. Esa era a oportunidade de saírme do papel de tío agradable”.
Foi coa adaptación teatral de ‘Fariña’ cando o actor rompeu outra barreira, non só por esa unión clara da música coa interpretación, senón por ver que podía enfrontar a dirección musical dunha obra. “Fun a persoa que máis funcións fixo, nin sequera os técnicos foron a todas. Había rexistro cómico e tamén dramático. E logo na parte musical ensineille o que sabía aos meus compañeiros. Todos miraban para min a ver que tiñan que facer e resolver iso deume moita confianza”. Despois chegou ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ e proxectos como o da banda Purple Rei, con versións en galego de cancións de Prince, que levou adiante coa determinación gañada nas experiencias previas.
A historia de Zearreta cóntase desde a busca de novos camiños. E esta non se entende sen as revelacións que a vida lle vai dando. As que tivo co batería de Leño e co cartaz de Sardiña complétanse con outra máis animal: o desexo de poder voar cando viu un paxaro por riba do seu coche nunha viaxe de Narón a Santander. “Sentín envexa, quería facer iso”. Un tempo despois comezou coas clases de ala delta e desde o 2011 xa leva máis de cen voos. Uns poucos máis dos que xa fixera antes sobre os escenarios e bastantes menos dos que aínda lle quedan por voar.