Silenciar as “Inimigas”

Outros

“Vas estar soa”. Poucas palabras me producen tanta vertixe ao pé dun escenario. A soidade, que procuro como un tesouro por pequenos momentos no día a día, convértese nunha adversaria fronte ás butacas. “Pero ti non facías monólogos?” E deixeino. E, aínda que non veña ao caso, non estaba soa daquela, tiña un micro e un montón de cómplices embebidos pola exaltación da amizade. Pero non era de min do que estaba a falar Tito. Ningún de nós estivo só no escenario, moi á contra, non só el se ocupou de acompañarnos, nós tamén puxemos máis amor que nunca en pelexarnos sobre as táboas.

Esta soidade da “Inimiga” é unha soidade hostil. A soidade de quen non atopa acubillo para a súa maneira de ver o mundo, de ser, de facer o que non podes deixar de facer. É unha soidade cruel para aqueles que son conscientes da inxustiza.

Helena non é individualista, ela ansía a vida en comunidade, a compañía, a complicidade… pero atópase con algo que unha científica non pode deixar pasar: a negación da evidencia. Como Helena, penso que son os tempos que nos tocou vivir: a opinión fronte a información. Helena ten algo tan inestimable como a Razón, pero non é suficiente. É aconsellada, conducida, instigada a calar a súa razón porque non é conveniente. Conveniente para quen? Quen decide o que é conveniente? A maioría. É o pacto ao que chegamos: a maioría decide. Pero a letra pequena dese contrato agocha un artellamento do diaño: a maioría decide coa información que ten, e esa información manéxaa unha minoría. Esa minoría é a que ten o Poder, e aí chegamos ao conflito de Helena.

Helena ten a razón pero pídenlle que cale. E non é a primeira vez, é algo que coñecemos ben as mulleres. Hoxe mesmo ía comentando coa miña filla pola rúa e un expoñente do paternalismo suxeriume que falase coma os estranxeiros: baixo. “Pedíronnos” tantas veces calar que chegamos a facelo inconscientemente, mesmo cando nos piden que falemos, a moitas cústanos alzar a voz ante unha audiencia ou ante unha autoridade.

Interpretando a Helena intúo o recoñecemento por parte de moitas espectadoras dos golpes xordos que recibe nas súas relacións, co irmán, coa parella, co sogro… pero confío tamén en que algunhas, cada vez máis, non comprendan de que estou a falar. Que empaticen con Helena como heroína imperfecta fronte a unha situación inxusta, como obstáculo incómodo para os intereses capitalistas. Pero que non entendan do que falo porque elas xa non calan, e falan ben alto. Voces de nenas, voces de mozas, voces de mulleres, libres de medos e complexos, voces agudas con pensamentos agudos. Que non comprendan o paternalismo, a condescendencia nin a luz de gas. Que non comprendan porque non o viviron, porque ninguén é quen de facelas calar.

Artigos relacionados