SóLODOS activa o rural galego con ‘Tecedora’, unha rede de creación e participación

Outros

O pasado 26 de abril comezou Tecedora, unha iniciativa que aposta por dinamizar a vida cultural no rural a través da participación activa da veciñanza. Con presenza en cinco concellos, o proxecto propón intervencións artísticas que conectan tradición e contemporaneidade desde múltiples disciplinas.
A programación, xa en marcha, estenderase ata setembro con actividades abertas a todos os públicos.

O rural galego convértese esta primavera e verán nun espazo de encontro para a creación contemporánea grazas a Tecedora SóLODOS, un proxecto que leva as artes a contextos non convencionais e aposta por reforzar os vínculos comunitarios a través da cultura.

A iniciativa arrincou o pasado 26 de abril en San Cristóbal de Armariz (Nogueira de Ramuín) cun encontro co investigador e bailarín Quique Peón, a partir do que despregou un programa que combina formación, reflexión e práctica artística en diferentes puntos de Ourense e Lugo. Propostas como Rexenerar verde en Melón ou o Percorrido SóLODOS en Portomarín marcaron as primeiras paradas dun itinerario que continúa nos vindeiros meses.

Baños de Molgas, Melón, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo, en Ourense, xunto con Portomarín, en Lugo, acollen unha programación que se estenderá ata setembro e que inclúe unha ducia de actividades, desde obradoiros e encontros ata intervencións escénicas en espazos patrimoniais e naturais.

Baixo a dirección de Maruxa Salas e Erick Jiménez, o proxecto reúne artistas e colectivos de distintas disciplinas, como Alba Fernández Cotelo, Daniel Rodríguez, As Xunquereteiras e Os Xuncos, Larumbe Danza ou John Axiom, combinando creación contemporánea con saberes vinculados ao territorio.

Nos próximos meses, o programa continuará con novas citas en diferentes localizacións. Entre elas, destacan os obradoiros en Moura e Niñodaguia durante maio, as actividades formativas en xuño en Portomarín e Baños de Molgas ou propostas como Lentes para imaxinar, que mestura arte e tecnoloxía na Penalba. Xa no verán, sumaranse experiencias como Sonoridades ou Escoita de estrelas, unha intervención sonora nocturna no mosteiro de Santa María de Melón.

O peche terá lugar en setembro en Xunqueira de Espadanedo con Degustando artesanía, nunha proposta que resume o espírito de Tecedora: integrar creación, territorio e comunidade nun mesmo espazo.

Impulsado no marco do programa Territorio Cultura e co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura, Tecedora SóLODOS propón así unha mirada ao rural como espazo de posibilidade. Un lugar onde a cultura non só se exhibe, senón que se constrúe.

Artigos relacionados