O certame SóLODOS en Danza chega a Ourense e Xunqueira de Espadanedo o 16 de xuño, con cinco coreografías finalistas de toda España e a actuación do artista cubano Abel Rojo.
Hai uns vinte anos Maruxa Salas (Galicia) e Erick Jiménez (Costa Rica) xuntáronse para crear a compañía de danza SóLODOS. Os dous, migrantes fóra do seu país e traballando como coreógrafos e bailaríns para proxectos externos en lugares como Cuba, Holanda ou Bélxica, decidiron camiñar xuntos profesionalmente e botar raíces na nosa terra. Desde entón, actúan como plataforma cultural que pretende promover a danza contemporánea así como a programación cultural na provincia de Ourense. Así nace o certame SóLODOS en Danza, que celebra a súa sétima edición o vindeiro venres 16 de xuño en Ourense e Xunqueira de Espadanedo.
Á convocatoria deste ano presentáronse máis de 200 propostas polo que o traballo para elixir as cinco finalistas foi arduo. “De todas elas só poden vir cinco. Hai un traballo difícil e facemos a selección en función do noso contexto. Así, teñen que ser obras que sexan capaces de actuar na pedra como o de Xunqueira de Espadanedo”, explica Erick Jiménez, salientando a importancia da adecuación destas pezas de danza de pequeno formato para representar nun espazo non convencional.
Unha final con espectáculos de toda España
As coreografías que se poderán ver nesta edición son ‘Nunca bailaré solo’, de Diego Garrido (Castilla y León); ‘Picnic on the moon’, de Júlia Gordino e Alexa Moya (Cataluña); ‘Minerva’, de Alicia Verdú (Valencia), ‘Les passants’, de Patricia Hastewell Puig e Noé Ferey (Cataluña – Francia) e ‘Extender como si pudiera’, de Julia Laport (Galicia).
O certame fai fincapé na importancia de transmitir a danza contemporánea entre a xente máis nova. Así, o venres pola mañá as cinco pezas representaranse ante o público escolar na praza da Escola de Artes Escénicas de Ourense. “Virán máis de 400 escolares de Ourense e outros concellos. En todos estes anos temos creado vínculos cos máis pequenos. Por exemplo, hai nenos que despois de varios anos aínda nos ven pola cidade e nos recoñecen. Xérase un vínculo afectivo cara ás artes escénicas por parte das novas xeracións. O noso interese é que se acheguen á danza contemporánea e para eles sexa algo natural”, comenta Erick.
Xa pola tarde, ás 20:30 horas, terá lugar a final do evento no mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, aberto ao público xeral e con entrada libre. Xunto ás cinco pezas que entran en concurso, tamén actuará o artista cubano – portugués Abel Rojo. Interpretará a súa premiada obra ‘El piso a cuestas’, coa que recibiu o Premio Festival Internacional de Danza de Cáceres (DZM) 2022 e o premio de programación do festival Gatadans 2023.
A danza como unión entre Galicia e Costa Rica
A peza gañadora do certame levará o premio SóLODOS en Danza 2023, que suporá a oportunidade de participar nunha xira por Costa Rica. Este galardón ten como obxectivo xerar unha ponte de intercambio artístico e favorecer a mobilidade dos creadores entre os dous países. “Intentamos crear un vínculo entre as costas atlánticas dos dous continentes dando un soporte loxístico para intentar que os proxectos teñan mellores condicións que tiñamos nós hai vinte anos”, explica o coreógrafo e organizador. Nesa xira de case dous meses ao outro lado do Atlántico, os creadores e intérpretes terán encontros con escolas de arte e danza, plataformas culturais, clases maxistrais.
Ademais, todos os finalistas terán a oportunidade de participar en diferentes festivais de danza como Bailando con Piedras, Manhattan, Danza no Claustro ou Danza no Camiño, grazas á rede de contactos creada pola plataforma SóLODOS.