Tánguela: unha exploración do corpo fóra da norma

Outros

O vindeiro 22 de febreiro ás 19.00, A Casa Vella acollerá a estrea da nova creación en solitario de Myriam González. A proposta, concibida para espazos non convencionais, conta coa co-dirección de Julia Laport e constrúe un dispositivo escénico onde corpo, son e materia dialogan arredor da identidade e do normativo.

A bailarina e creadora emerxente Myriam González (Ferrol, 2001) presenta Tánguela, un solo de danza contemporánea que afonda na relación entre corpo, control e pertenza. A peza sitúa no centro un corpo que se deforma, que escapa do establecido e que se converte nun territorio de loita íntima: domesticar o incontrolable, ordenar o que se desborda, atopar beleza no que se percibe como roto.

Neste traballo, a artista propón unha investigación física e sensorial arredor da tensión entre desorde e estrutura, explorando a idea dun corpo que non encaixa nos estándares e que, malia a alienación, continúa buscando un lugar no que habitar. A dramaturxia do movemento constrúe así unha poética do límite, onde o corpo aparece como espazo de conflito, resistencia e transformación.

A peza conta coa co-dirección de Julia Laport, co-directora da compañía Elahood e directora do Colectivo D’elas, que acompaña o proceso desde unha mirada centrada na investigación escénica contemporánea. O dispositivo complétase co espazo sonoro de Genosidra (Carlos Quebrada), músico bogotano afincado en Barcelona especializado en noise e hardbass, e co vestiario da artista coruñesa Elise Abella, configurando unha proposta estética que reforza a dimensión física e sensorial do espectáculo.

Tánguela insírese nesta liña de traballo, centrada na creación contemporánea desde o Waacking e as danzas urbanas. A artista codirixe a compañía Tuatha xunto a Eloi García e forma parte como creadora e intérprete de diversos proxectos colectivos, consolidándose como unha das voces emerxentes da danza galega actual.

A nova produción conta co apoio de AGADIC e preséntase como unha proposta pensada para espazos non convencionais, onde a proximidade co público e a dimensión sensorial se converten en elementos clave da experiencia escénica.

Artigos relacionados