A compañía teatral de Cangas volve ás táboas cun novo espectáculo escrito por Násser Djemaï e dirixido por Cristina Domínguez. A obra, estreada no 2022 en Francia, debutará o vindeiro 9 de novembro no Auditorio do municipio cangués.
Tras Unhas poucas picadelas (2016) e do éxito colleitado durante estes anos con Defensa da Vila (2017), Teatro de Ningures aposta por este espectacúlo teatral no que se reflexiona sobre sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da comunidade. A compañía conta con máis de 32 obras de teatro ás súas costas, así como unha traxectoria por numerosos festivais, mostras e certames nacionais e internacionas, convertíndoa nun dos maiores referentes do panorama teatral galego.
Nesta ocasión, incorporaron á súa produción o texto do autor francés Násser Djemaï, quen narra con sensibilidade a resistencia das mulleres “gardiás” contra a inclemente modernidade. A peza, traducida por Henrique Harguindey e adaptada por Vanesa Sotelo, explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, interpelando á audiencia sobre como, onde e con quen queremos envellecer.
As actrices Casilda Alfaro, Rebeca Montero, Sonia Rúa e Amparo Martínez poñeránse na pel de catro mulleres xubiladas que loitan contra a decisión de envellecer nunha institución médica. Melania Cruz será a antagonista deste espectáculo, interpretando á filla dunha das protagonistas e defendendo a visión contraria desta problemática social actual.
No seu reparto tamén figuran profesionais como Carlos Alonso, encargado do deseño de escenografía e vestiario; Diego Seixo, responsable do deseño gráfico, fotografía, cartel e programa; Héctor Pazos, deseñador de ilumación de espazo sonoro; e tamén Salvador del Río, quen se encarga da dirección de produción.
As Gardiás enmárcase dentro do obxectivo principal de Teatro de Ningures, a posta en escena de autores clásicos e contemporáneos para falar de temáticas actuais co fin de convertese un espazo aberto de debate e reflexión dos problemas que afectan á sociedade actual. Desde a compañía sinalan que vivimos nunha sociedade envellecida que non sabe que facer cos seus maiores cando deixan de ser persoas produtivas, por iso consideraron que era “o momento de propoñer o debate sobre como queremos vivir a nosa vellez”.
O autor do texto, Nasser Djemaï, encaixa dentro da visión da compañía canguesa, xa que nas súas creacións “trata temas apegados á actualidade, recoñecibles para as clases populares”. Ademais de contar con case vinte anos de experiencia sobre as táboas, tamén recibiu tres nominacións aos premios Molières 2014 nas categorías de Autor francófono, Director de teatro público e Espectáculo de teatro público, así como o premio SACD Novos Talentos de Teatro.