Teatro do Noroeste estrea ‘Manual de patronaxe’, unha homenaxe ás avoas e ás coidadoras

Outros

A obra propón unha ollada feminista ás raíces afectivas que nos constrúen, a través da memoria das avoas e dos pequenos xestos que nos sosteñen. O espectáculo marca unha nova etapa creativa en Teatro do Noroeste, combinando autoficción, diálogo interxeracional e unha posta en escena que reivindica o poder do cotián.

O teatro galego recibirá este mes de decembro unha das estreas máis emotivas da temporada. Teatro do Noroeste presenta no Pazo da Cultura de Narón Manual de patronaxe, a súa nova creación escénica, que poderá verse en dobre función o venres 5 ás 20.30 e o sábado 6 ás 20.00. As entradas están xa dispoñibles na billeteira en liña do Padroado da Cultura.

A obra nace do texto homónimo de Nerea Brey, gañadora do Premio Abrente da MIT de Ribadavia 2023, e chega agora á escena baixo a dirección de Clara Gayo. Sobre o escenario, Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada dan vida a unha historia que se interna na memoria persoal e colectiva para reivindicar ás coidadoras, especialmente ás avoas, como verdadeiras arquitectas invisibles das nosas vidas.

Manual de patronaxe preséntase como unha peza de autoficción, na que a protagonista, atravesada por unha crise creativa, regresa aos recordos da infancia para descubrir o legado feminista que herdou da súa avoa modista. Desde ese diálogo entre pasado e presente, a obra reconstrúe as “puntadas” que conforman a identidade dunha muller creadora, explorando a aprendizaxe emocional, a transmisión entre xeracións e o valor dos pequenos momentos que pasan desapercibidos pero deixan marca.

O espectáculo conta cun equipo artístico que reforza esa mirada íntima e delicada: Equipo Taetro firma a escenografía e o vestiario, mentres que César Seijas deseña a iluminación e as proxeccións, creando un espazo visual que combina memoria, artesanía e contemporaneidade. A produción executiva é de Eva Alonso, quen destaca que esta obra representa unha nova liña creativa que marca o comezo dun proceso de transición tranquila e xeracional.

A compañía, cunha traxectoria que supera os 35 anos de historia, continúa así a ampliar o seu catálogo, no que conviven clásicos, textos galegos contemporáneos e propostas recentes como Último verán en Santa Cristina, As damas de Ferrol ou Guerra. Manual de patronaxe súmase agora a esta senda con vontade de abrir unha conversa sobre o lugar das mulleres, a importancia das coidadoras e a memoria afectiva que constrúe comunidade.

Artigos relacionados