O Teatro Jofre de Ferrol acolle o próximo decembro a estrea desta peza, na que se recupera un dos textos máis singulares da compañía Teatro do Noroeste. Así, a crítica social e a visión feminista eríxense como elementos imprescindibles dun espectáculo marcado pola renovación estética e escénica.
Construida baixo a ollada feminista, Teatro do Noroeste revisita en As Damas de Ferrol un dos textos máis senlleiros do seu repertorio. Á fronte da dirección atópase Clara Gayo, con música orixinal de Chefa Alonso e escenografía e vestiario a cargo de Carlos Alonso. Nesta ocasión, Eduardo Alonso participa como dramaturgo nunha peza dirixida por el mesmo hai máis de 20 anos e na que agora explora unha nova senda estética e escénica.
Co humor negro e o jazz como pano de fondo, esta comedia circular conta a historia de dúas irmás que repasan, entre disputas e absurdos, a súa traxectoria vital. Coa cidade de Ferrol como xerme de novas vidas e frustracións, Lourdes e Maruxa reflexionan sobre a súa situación actual e as decisións que as levaron ata ela. Ambas as dúas protagonistas establecen as súas disputas nunha atmosfera crúa, que explora os límites da demencia e a cal ven marcada pola morte tráxica dun home. Trátase dunha peza na que realidade e fantasía se enlean decontino nunha liña argumental vertixinosa, dando lugar a un nobelo imaxinario imposible de descifrar. Neste contexto, o jazz eríxese como o acompañante sonoro perfecto para amparar a acción escénica e reforzala, tanto nos momentos de ritmo máis intenso como en aqueles máis íntimos.
Teatro do Noroeste é unha compañía galega formada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. A súa dilatada traxectoria confórmana producións de moi variada tipoloxía, entre as que atopamos textos clásicos, textos máis contemporáneos e mesmo montaxes de pezas infantís e musicais. Así, recibiría os Premios María Casares polo musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, nas categorías a mellor texto e mellor escenografía, entre outras.
As damas de Ferrol poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol os días 1 e 2 de decembro, e as entradas están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla e, o mesmo día da función, no despacho de billetes do teatro.