Teatro Permanente mergúllase no universo de Sartre cunha peza sobre a ruína, o infinito e o horror cotián

Outros


A presentación de ‘Ruir’, terá lugar os días 4, 5 e 7 de xuño ás 20.00 no espazo da compañía Teatro Permanente en Vigo. Trátase dunha creación escénica que nace como extensión do universo imaxinado por Jean-Paul Sartre en ‘A porta pechada’.

O proxecto de Teatro Permanente continúa explorando as posibilidades da creación escénica contemporánea cunha proposta que combina pensamento filosófico, dramaturxia orixinal e investigación teatral. Ruir, creada inicialmente en lingua francesa e vertida posteriormente ao galego, constrúe unha especie de ‘spin off’ arredor dun personaxe secundario de A porta pechada de Jean-Paul Sartre: o garçon d’étage, o camareiro encargado de acomodar ás persoas que chegan ao inferno.

A partir desa figura aparentemente secundaria, a peza imaxina un universo expandido no que diferentes camareiros percorren corredores infinitos e conversan entre si nun espazo que remite directamente á Biblioteca de Babel de Borges. Desde ese punto de partida, Ruir propón unha conversa entre dúas destas personaxes que deben afrontar a chegada ao inferno dun cativo de apenas cinco anos, deixando emerxer unha historia marcada pola violencia e polo horror.

A obra constrúe así unha dramaturxia atravesada pola contradición entre o ton aparentemente banal da conversa e o peso sombrío das historias que se revelan progresivamente. O absurdo, a repetición, os paradoxos asociados ao infinito e a sensación constante de derrubamento percorren unha proposta que sitúa a ruína como imaxe central. O propio título da peza, tomado da lingua portuguesa, remite precisamente á idea de esboroamento ou afundimento, unha metáfora que atravesa tanto o universo escénico como a lectura contemporánea do mundo que formula a obra.

En escena estarán Sonia Salgado e Lisa Vitorino, coa colaboración de Venus Pavón Requejo, sobre un texto, dramaturxia e posta en escena de Alberte Alonso. A proposta está recomendada para maiores de 14 anos e preséntase aínda nunha primeira fase de creación, convertendo estas funcións nunha oportunidade para achegarse a un proceso escénico vivo e en desenvolvemento.

Máis alá desta nova montaxe, Teatro Permanente continúa consolidando unha liña de traballo que entende o teatro como lugar de encontro entre creación, pensamento e acción social. O proxecto, con base en Vigo, desenvolve ao longo do ano actividades ligadas á dramaturxia, á formación, á mediación cultural e á investigación escénica, construíndo un espazo aberto ao diálogo entre artes escénicas e comunidade.

As funcións de Ruir terán lugar os días 4, 5 e 7 de xuño ás 20.00 no Teatro Permanente, en Vigo. As reservas poden realizarse a través do formulario dispoñible na web da compañía, teatropermanente.com

Artigos relacionados