A compañía de teatro Código Azul presenta este venres 11 de outubro no Auditorio de Arteixo a súa primeira produción. O espectáculo comezará ás 20.30 horas.
Despois de debutar no Teatro Jofre de Ferrol e pasar polo Fórum Metropolitano da Coruña, o equipo volve trasladar ao escenario a obra do dramaturgo Ismael Gil Candal, continuando así unha xira que “aborda temas profundos sobre a saúde psicolóxica e o impacto do traballo nas nosas vidas”.
Tolóptica é a primeira produción desta compañía coruñesa fundada en 2024 por Martín Espantoso. O obxectivo de Código Azul é dar visibilidade ás novas xeracións de artistas galegos a través dunha proposta crítica e irónica que aborda problemáticas sociais contemporáneas.
Ademais, a peza cobra un significado especial nesta terceira representación, xa que coincide co día posterior ao Día Mundial da Saúde Mental. A obra, dirixida por Xosé Leis, afonda en como nos afectan negativamente a competitividade, a autoesixencia e a hiperactividade, debido á percepción contemporánea do traballo como o eixe central da sociedade.
Martín Espantoso, Marcos Fernández e Yoli Lorenzo son os intérpretes deste espectáculo que convida a debatir sobre o equilibrio entre a vida persoal e profesional, e o impacto que isto ten no noso benestar emocional e físico.