O Observatorio da Cultura Galega sitúa o traballo dos actores e do seu espectáculo teatral por diante doutros nomes e iniciativas tamén relevantes como a obra Iribarne, o Centro Dramático Galego, a Mostra de Teatro de Ribadavia ou as compañías Sarabela e Chévere.
O Observatorio da Cultura de Galega ven de publicar o seu informe sobre o máis destacado da cultura en Galicia no ano 2024 desde o punto de vista das xestoras e xestores culturais.
O documento, de catorce páxinas, que recolle ata noventa e oito categorías a partir da resposta libre das e dos profesionais consultados, sitúa ao sector das artes escénicas na quinta posición en canto a relevancia, por detrás da música, a literatura, o audiovisual e as institucións culturais.
Os actores Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, xunto con Somos Criminais e punto final, son o máis relevante do teatro galego no pasado ano, na suma das referencias individuais e do proxecto teatral. O espectáculo, que foi de novo o máis visto do ano, xirou entre os meses de novembro e xaneiro polas grandes cidades galegas, superando os 25.000 espectadores.
O espectáculo Iribarne, de ButacaZero, o Centro Dramático Galego, a Mostra de Teatro de Ribadavia, ou as compañías Sarabela e Chévere son outros dos proxectos e institucións máis destacadas segundo o informe, publicado como avance do Barómetro da Cultura Galega.
O Observatorio da Cultura Galega está promovido polo Consello da Cultura Galega, e realízase anualmente como unha diagnose avaliativa que, a partir de datos enquisados, permite analizar a situación, evolución, retos, fortalezas e perspectivas do sector cultural galego.