Touriñán e Perdomo, en busca do antídoto contra novas corentenas

Outros

Os cómicos coruñeses estrean ‘Corentena · Game Over’, cunha primeira xira de oito datas prevista entre marzo e xuño. A proposta mesturará teatro e videoxogo sobre un escenario polo que pasarán multitude de personaxes.

Pontevedra será, de novo, o escenario da estrea dun espectáculo conxunto de David Perdomo e Xosé A. Touriñán. Despois do exitosísimo ‘Corentena’, a segunda parte desta proposta nacida dos directos en Instagram que os dous cómicos compartían na pandemia chega ás grandes vilas e cidades galegas baixo o título de ‘Corentena · Game Over’.

Percorrerán entre marzo e xuño oito teatros e auditorios galegos -as datas e localidades poden consultarse en www.corentena.gal- cun espectáculo a medio camiño entre o virtual e o real. Unha carreira de obstáculos na que tamén participará o público para atopar o antídoto contra unha futura nova pandemia, que resulta estar máis cerca do previsto. Segundo explica Ainé na sinopse do espectáculo, trátase “dunha viaxe chea de seres estraños, personaxes xa coñecidos e outras criaturas xamáis vistas”, para chegar ao obxectivo antes do Game Over.

Máis de 32.000 espectadores

As dúas xiras de ‘Corentena’, a primeira edición do espectáculo de Perdomo e Touriñán, acadaron cifras de público poucas veces vistas en Galicia, con máis de 32.000 entradas vendidas en menos dun ano. Só na cidade da Coruña as funcións celebradas no Teatro Colón en decembro do 2023 e en Palexco en marzo do 2024 reuniron a máis de 8.000 persoas.

Artigos relacionados

Premios e públicos, en universos paralelos

Os datos do Observatorio da Cultura Galega sitúan o teatro galego nun lugar preocupante, ocupando as últimas posicións en canto a relevancia por debaixo de música, literatura, audiovisual e mesmo institucións culturais.