Tralo pano do CDG: os oficios menos visíbeis do teatro

Outros

Compostela celebraba o pasado 27 de marzo o Día do Teatro con chuvia e vento así que entrar no Salón Teatro foi aínda mellor refuxio. A compañía Galeatro era a encargada de dramatizar unha visita por este espazo e resumir a historia do Centro Dramático Galego, que celebra neste 2024 os 40 anos de vida. Alba e Tone estiveron acompañados de Manuela Domínguez, xa xubilada e que tantas veces guiara as visitas anos atrás. Por se ás veces nos esquecemos dos moitos oficios agochados detrás das luces do escenario, esta era a ocasión perfecta para poñelos en valor. 

Eu naquel momento non coñecía a historia de Manuela e por que falaba galego cun marcado acento andaluz. O seu era un deses traballos menos visibles, ese que só coñeces se estás dentro do Centro Dramático Galego (CDG). Despois dunha experiencia laboral nunha empresa de dobraxe, esta andaluza que botou raíces en Galicia, deixaba un contrato fixo por outro que, naquel momento, era temporal por obra e servizo. “A min gustábame a farándula e dixen que si despois dunha cea con amigos e coñecidos. Foi amor desde o primeiro día”, lembra. Entra a traballar en 1986, sendo a secretaria de dirección, promoción e imaxe xa que “traballaba entre o director e a comunicación porque nacera un departamento propio para prensa”. Estaba xurdindo o xornalismo cultural. 

Manuela González, xestión do CDG. Foto: Aigi Boga

Manuela chegara a Galicia tan só dous anos antes e, casualidade ou non, a primeira obra de teatro que viu aquí foi Woyzech, a produción coa que debutaba o CDG. Si, hai 40 anos. “Pareceume moi bonita pero non soportaba que os actores berrasen tanto, era unha tolemia. Pouco despois aparezo alí e tiña que defender eses berros”, comenta entre risas. Tamén recorda aqueles tempos de teatro “pouco natural” e exacerbado Juanjo Amado, quen comezou no CDG en 1985 axudando na carga e descarga coincidindo coa produción de Caderno de bitácora -comedia estupenda-. Para ese mozo estudante de Psicoloxía, o teatro foi unha casualidade e unha forma de facer diñeiro axudando na montaxe ou poñendo selos. “Gañabamos moito diñeiro, unhas 30.000 pesetas por praza. É case, equivalente en euros, o que se cobra agora”, afirma. Mais aquel complemento converteuse en profesión. Xa en 1988 tivo un contrato estable. Juanjo, nas luces e no son, aprendeu traballando grazas a Paco Pin e a técnica de ensaio – erro. De feito, di que aínda hoxe non hai moita formación específica para artes escénicas, ao contrario do que ocorre para audiovisual. 

Da falta de formación propia e, por conseguinte, de relevo xeracional, tamén fala María Negreira, a xastra do CDG. “Costa traballo atopar xente que se dedique a isto. Hai xente moi válida que cose para fábricas pero chegan aquí e o traballo é distinto. Unha elaboración moi rápida, con pouco tempo e con tecidos menos habituais”, explica. Falo con María o día da entrega do vestiario para Dique, o espectáculo de Nova Galega de Danza que se estreaba a primeira fin de semana de verán no Salón Teatro. Tiña que estar todo listo para a proba coas oito bailarinas así que trato de que a conversa sexa rápida.

María entrou no CDG para unha axuda temporal en 1998, con só 21 anos, e foi encadeando contratos pequenos como persoa de reforzo ata que se xubilou Concha Abad en 2008. Leva media vida dando vida aos figurinos dos deseñadores e deseñadoras de vestiario e aconsellando sobre a confección deste co seu coñecemento sobre o comportamento dos distintos tecidos con respecto ao movemento ou iluminación. Se a xente non se adoita fixar moito en quen asina o deseño, imaxino que podemos confirmar que o de xastra é outro dos oficios invisíbeis do teatro. Pero o seu labor vai máis aló de coser. “Dou o servizo de axuda entre caixas, fago asistencia aos ensaios e ás funcións porque os actores e actrices precisan facer os cambios rápido e axúdolles con iso, tamén para solucionar calquera imprevisto que xurda. Se a función require xira tamén vou co equipo para dar o servizo de lavandaría e pasado do ferro”, explica. Para ela non é preciso o recoñecemento do público: “a miña maior satisfacción é velos o día da estrea coas prendas que eu elaborei, conseguir o que me pediu o deseñador e que o elenco estea cómodo co seu traxe no personaxe”, conta con ilusión a xastra. 

María é modesta e non presume do seu bo facer mais calquera espectadora sabe que o seu traballo é esencial sobre o escenario. Por que un vestiario que nos ten que chamar a atención si ou si oculta a existencia dun oficio? O mesmo ocorre coa iluminación. Non hai espectáculo sen luz. “Eu creo que si se ve, non tanto o traballo anterior de elaboración da peza pero si durante a obra, pois participas en directo nela”, explica Juanjo. De feito, o técnico di que na tendencia que seguen as escenografías actualmente, cun decorado minimalista, estase creando coa iluminación o espazo escénico. 

Advirto certa preocupación nos tres polo tema do relevo xeracional e da importancia de que se unan ás compañías persoas máis novas, como eles o eran cando comezaron. Pregúntolle a Fran que opina: “Temos que facer canteira. Por exemplo, para a obra de teatro amador O corazón roto falamos cun centro de FP de Monforte de Lemos, onde cursan vestiario para artes escénicas, e botáronnos unha man no deseño e confección. Estiveron na nosa nave e con María, oxalá lles sirva para saber que hai unha saída. Hai que tecer relacións cos centros educativos para facer futuro”.

O sentido de equipo

María Negreira, xastra do CDG. Foto: Aigi Boga

“Eu teño a gran sorte de traballar cun equipo estupendo. Boto máis horas no teatro ca na miña propia casa”, recalca María. Isto en calquera traballo pode afectar á nosa saúde mental porque iso de “traballa no que che gusta e non traballarás nunca” é mentira. Así cho digo. Así que o feito de que estas persoas estean contentas de formar parte do CDG e, sen dúbida, grazas ás condicións logradas e ao sentimento de pertenza e de equipo. 

O teatro é colectivo. Isto sábeno ben os que comezan no teatro amador: hai que facer de todo para que saia adiante. E así o fixeron sempre no CDG. Manuela conta unha anécdota que é un bo reflexo deste compañeirismo: “Había un pano a maiores naquel espectáculo, era un teatro dentro do teatro. Todos colaboramos para pegar brillantiñas na tea, a contrarreloxo”, lembra entre risas. 

E neste percorrido polos roles menos coñecidos do teatro chegamos á dirección do Centro Dramático Galego, actualmente en mans de Fran Núñez. “Como moitos dos que nos dedicamos ao teatro, traballei en diferentes oficios: actor, director, dramaturgo… e cargo a furgoneta moi ben! Tamén traballei durante anos de técnico. De feito, moita da miña primeira aprendizaxe foi cos técnicos do Salón Teatro. Vinte anos despois aínda están aquí”, sinala. 

Aínda que el si é unha figura pública, explica que o seu traballo tamén ten unha parte máis agochada: “Acompañar e motivar o equipo. Ao final somos humanos que traballamos nun sector que se basea moito na motivación e na ilusión. Iso si, temos a sorte de que todo o noso equipo ama o seu oficio”.

Unha das tarefas de Manuela como secretaria era supervisar que non se esquecera ninguén no programa de man de cada espectáculo. Tamén se encargaba de explicar todo nas guías didácticas dos libros do CDG, onde ademais dos textos, había debuxos de escenografía ou vestiario para facelos visibles. “Que se lles paga para ser invisibles, ten delito!”, expresa a funcionaria xubilada. Por suposto, nas visitas guiadas poñía en valor o traballo dos profesionais técnicos. “Por exemplo, é difícil ter unha xastra formada para o tema artístico. Facer unha capa do século XVIII ou ambientar roupa pobre, que non se note que foi feita adrede. Pois haino que contar!”, explícame emocionada. “O mesmo coa montaxe do escenario, a súa seguridade, que nunca se esqueza nin un parafuso”, cóntame entre outros moitos exemplos da importancia de todas as profesións involucradas nun espectáculo. Para ela foi case unha obsesión ensinar como funcionaba o teatro por dentro con toda esa xente que non se ve sobre o escenario. 

A morriña dos vellos tempos

Falando con Juanjo decátaste da morriña coa que lembra o pasado e aqueles primeiros anos no CDG. Di que bota de menos aquel espírito de compañía. “Agora con 63 anos pensas máis na xubilación. Saír de xira xa non ten a graza de antes. Iamos toda a compañía, durmiamos fóra, iamos de cea… agora é raro que a xente se quede nas prazas”, explica. Eu creo que é o recordo feliz daquela xuventude perdida. O CDG deulle alegrías persoais, pois a súa relación coa actriz Laura Ponte saíu dunha daquelas xiras. E tamén profesionais, como cando non cabía nin unha agulla na praza de Cambados para ver Un soño de verán (1992) ou o desafío de A Lagarada (1992), un espectáculo arriscado feito en exteriores en época de vendima. “Era como ver unha película en vivo e, a pesar de ser Galicia en outono, só houbo que suspender un día por causa do temporal”, lembra. E a raíña das anécdotas, Manuela, engade unha sobre esta obra: “Os técnicos tiñan o buzo vermello e todos os animais ían xunto a eles para picalos”, ri. 

Pode ser que as producións do CDG non sexan as mesmas. O mundo, a sociedade e os gustos tamén mudaron. Mais tampouco eles son os mesmos. Pasaron 40 anos por riba daqueles mozos e mozas de vinte e poucos. “Creo que hai un punto de nostalxia neses recordos. As persoas están noutro momento vital. É bonito ver que a institución ten 40 anos e hai xente que leva todo este tempo nela, toda unha vida”, afirma Fran. Unha idea que tamén confirma Manuela cando me di “eramos xente moi nova, cunha ilusión contaxiosa. Non tiñamos horario nin compromisos familiares, dabamos todo o que fixera falta polo teatro”.

Fran Núñez, director do CDG. Foto: Aigi Boga

É curioso como afectan os momentos vitais ás experiencias profesionais. María recorda con especial cariño A boa persoa de Sezuán (2008) porque “entrei nesa produción despois da baixa de maternidade, coas hormonas a flor de pel. Era un elenco moi grande e foi marabilloso. Había moi bo ambiente entre todos, a obra duraba tres horas e despois iamos todos xuntos cear”. 

Juanjo e María continúan detrás do escenario do CDG e Manuela busca calquera escusa para seguir preto del. Aceptou encantada participar na visita dramatizada con Galeatro e a súa resposta cando a avisei para dicir que se retrasaba algo a hora para tomar as fotografías desta reportaxe foi “non pasa nada, así tamén estou cos meus compañeiros”. 

Manuela bota de menos o CDG todos os días. Nunha das súas últimas viaxes paseaba por Porto e viu na carteleira do Teatro Nacional São João unha peza en coprodución co CDG e púxose a chorar. Como o fai agora contándome isto. Emociónase porque é inevitable. Son moitos anos no teatro. Toda unha vida de dedicación. 

Fitos e desafíos neste 40 aniversario 

O 27 de marzo descubrimos con aquela visita dramatizada, de xeito áxil e rápido, un pouco da historia do CDG durante estes 40 anos. Entramos na “casa da cidadanía e da xente que ama o teatro”, como di Fran Núñez, para celebrarmos xuntos un aniversario que se alonga durante todo o 2024. 

A programación do 40º aniversario é diversa e plural. Á produción principal, Os actos e as profecías, sumouse Terceiro acto, que rescata a memoria do oficio, Manuela Rey is in da house, que recupera a historia dunha actriz esquecida, ou a furgoneta de Utópica Rodante con De Vilatriste a Vilalegre, que chegará a máis de cen concellos de Galicia. “Este ano a programación do CDG vai chegar dun xeito ou doutro ao 48% dos concellos do país. Realmente é algo incrible porque estás facendo servizo público”, explica o director da institución.

En paralelo, o Centro Dramático Galego está fomentando a internacionalización. “Hai unha proxección exterior moi importante grazas aos proxectos europeos nos que participamos, Nós e Phône. Este é sobre as linguas minoritarias. O noso idioma é o que nos está levando fóra. O galego está sendo a ferramenta para saír ao mundo”, comenta Núñez, co que falamos precisamente antes da estrea en Compostela de Na hora dos cans, unha coprodución xunto a teatros e escolas de arte dramática de Francia e Portugal. 

Un dos desafíos do CDG é ser máis inclusivo e achegar o teatro ao maior público posible. “Desenvolvemos o sistema SINTE, que permite contar con interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición en todas as funcións, e estrearemos na MIT de Ribadavia Nada se sabe, unha coprodución con Culturactiva. Neste espectáculo teremos un elenco con persoas con diferentes discapacidades. Como teatro público é un reto apoiar a diversidade, non só co consumo senón desde a creación”, afirma o director. 

Sobran os motivos para unirse a esta festa de aniversario. 

E, por favor, poñede o modo “non molestar” no teatro. Comentaba Juanjo que non houbo un só día que non soara un móbil cunha chamada ou alarma. Se ao técnico de luces lle molesta, imaxina ao de son. Fóra bromas. É molesto. Porque o Salón Teatro é sempre un refuxio para gozar con todos os sentidos do espectáculo que vai comezar.

Artigos relacionados