Un día na vida de Belén Pichel

Outros

Fundadora da compañía Contraproducións, dedicou máis de dúas décadas da súa vida á creación e produción de espectáculos. O seu día a día, marcado pola creatividade, a xestión e os imprevistos, revela non só os retos da profesión, senón tamén a súa paixón inquebrantable polas artes escénicas.

O espertador soa un pouco máis tarde do habitual que na vida de moitos. Son as 9:00 da mañá cando Belén Pichel, produtora de teatro, se esperta para comezar o seu día. Con calma e sen présas, segue un ritual inusual: “Levántome, preparo un café e fago o que eu chamo ‘oficina horizontal’. Almorzo na cama e, mentres tanto, co teléfono respondo os correos máis urxentes. Non me fai falta nin sequera coller o ordenador”, confesa entre risas. É unha forma de comezar a súa xornada sen demasiado apuro, algo que aprendeu a valorar despois de enfrontarse ao desafío máis destacable da súa profesión, o estrés.

Para Belén, non existe un día igual ao anterior, o que, segundo ela, é o máis bonito do seu traballo. Tras o almorzo, comeza a súa “oficina de verdade”, que neste caso está improvisada nun apartamento alugado en Madrid, onde actualmente se atopa traballando na obra Cigarreiras. “Estou en Madrid porque estamos de xira no teatro Fernando Fernán Gómez. Todos os días trasládome ata alí para asegurarme de que todo estea en orde”, explica.

O seu traballo abarca desde a planificación loxística ata a xestión administrativa. Aínda que conta co apoio de dúas persoas en Santiago para as cuestións de oficina, Belén está implicada en todos os aspectos da produción. “Eu son a directora de produción, a produtora executiva, a auxiliar… Nunha empresa pequena tes que facelo todo”, comenta.

Belén lembra con claridade o momento no que decidiu dar un xiro á súa vida profesional: “Decidín ser máis pobre, pero facer algo que me gustara máis”. Aínda que estudou Historia da Arte e comezou a traballar no ámbito do turismo e tamén como representante de artistas, sempre sentiu unha forte conexión co teatro, especialmente desde os seus anos de instituto cando frecuentaba espazos como a xa extinta Sala NASA. Rodeada de amizades do ámbito teatral, a súa paixón polas artes escénicas levouna a formarse no ámbito e dedicarse por completo ao que realmente lle gusta, o teatro.

Pola mañá, a súa enerxía está amplificada, aínda que admite que non é de madrugar demasiado: “Son moi produtiva na mañá, pero sen présa. Como o día é moi longo e chego tarde á casa, non fai falta empezar tan cedo”. Belén considera que para poder dedicarse ao teatro é fundamental ter vocación, xa que é un traballo que esixe compromiso, paciencia e moita paixón. “Eu non lle recomendo a ninguén dedicarse a isto se non lle encanta”, confesa. É consciente de que o camiño non é fácil, sobre todo no aspecto económico: “Salvo tres ou catro produtoras, nesta profesión non te vas facer rica”. Aínda así, séntese unha privilexiada por poder vivir exclusivamente do teatro, algo pouco común no sector.

Ademais, subliña a importancia de ter habilidades sociais para manexar equipos e desenvolver contactos en feiras e eventos, xa que o teatro non só implica traballo administrativo, senón tamén moito movemento: “Tes que estar preparado para non estar moito na casa. Hai épocas nas que estou todo o tempo viaxando, buscando coproducións ou novos proxectos”.

Cara á tarde, o ritmo de traballo de Belén aínda se intensifíca máis: “Polas tardes desprázome ao teatro. Ademais das funcións de Cigarreiras, temos actividades complementarias e eu encárgome de coordinar todo iso”. A produción teatral non só implica a preparación técnica dunha obra, senón tamén a creación de relacións duradeiras no ámbito cultural. “Sempre estamos a pensar en futuros proxectos, este é un traballo que nunca termina”, explica. 

Actualmente, ademais da obra en Madrid, está inmersa na preparación dun novo espectáculo titulado Eu ou que quero é ir a Francia, que conta cun elenco de renome. “É un proxecto moi especial e fóra de Galicia, algo que non adoito facer”, comenta sobre esta nova produción, onde participarán actrices como María Galiana e Nieves de Medina.

Outra das habilidades que Belén considera fundamental para dedicarse ás artes escénicas é aprender a lidar cos imprevistos. O teatro é unha maquinaria complexa e, a miúdo, ocorren situacións inesperadas. “En Cigarreiras tivemos un gran susto. Unha das nosas protagonistas perdeu a voz xusto o primeiro día da xira nacional. Pensabamos que non poderiamos facer a primeira función, pero tras moita xestión conseguimos que un médico privado lle puxera cortisona cada día antes de cada función esperando que fose mellorando”, lembra.

A experiencia e os anos de dedicación ensinaron a Belén a enfrontarse con acougo ás adversidades. Con todo, non sempre foi así. “Cheguei a ter un colapso circulatorio polo estrés de tantos proxectos. Foi unha chamada de atención. Desde entón, traballo moito no meu benestar mental e aprendín a levar un ritmo máis tranquilo”, admite. Agora, entende a importancia de tomarse o tempo necesario para xantar ou para descansar, consciente de que esta tranquilidade é fundamental para manterse produtiva sen comprometer a súa saúde.

O día de Belén reamata cando chega á casa arredor das dez da noite. É un momento que espera con ansias: “Cando chego a casa, o primeiro que fago é cear e, logo, gústame desconectar vendo películas. Son case adicta ao cinema. Non podo irme a durmir sen ver unha película ou dúas. É a miña maneira de despexar a mente de todo o que fixen durante o día”. Esta rutina nocturna converteuse na súa válvula de escape, axudándoa a liberar o estrés acumulado durante o día.

Cando non está de viaxe, a Belén gústalle desfrutar de pequenas actividades que a relaxan, como por exemplo, cociñar. Comezou a facelo hai un par de anos e descubriu que é unha forma efectiva de desconectar e evadirse. Con todo, a maior parte do seu tempo está dedicada a viaxar por España, xa sexa pola xira das súas producións ou para buscar novas oportunidades que lle permitan expandir os seus proxectos.

Na súa traxectoria, Belén tamén reflexionou sobre os desafíos de atraer o público ao teatro. Unha das súas preocupacións é como as malas experiencias poden afectar os espectadores. “Dáme moito medo a xente que vai ao teatro por primeira vez e elixe mal a obra. Desgraciadamente, hai quen, despois de ver unha mala función, non volve”. Esta realidade, segundo Belén, reflicte o difícil que é gañar público e o fácil que é perdelo nas artes escénicas.

Nun mundo onde os retos nunca faltan, Belén Pichel segue crendo no poder transformador das artes escénicas. “O teatro ten algo que o cinema non ten: o contacto directo cos actores. É unha experiencia única”, conclúe. Mentres apaga as luces tras un longo día, sabe que mañá volverá mergullarse na súa paixón. Porque na súa vida, cada obra é un reto, e cada día, unha nova oportunidade de crear maxia sobre o escenario.

Artigos relacionados

Filoctetes sube ás táboas

‘Nada se sabe’ invítanos a cuestionar os prexuízos e a abordar a diversidade desde novas perspectivas, reflexionando sobre o que significa realmente a inclusión.