O director de Síbaris, Lois Blanco, lembra como botou a andar o espectáculo que leva a última obra do falecido Domingo Villar aos escenarios.
Síbaris fíxose real cunha lectura e posterior comida na de Peri, que é un dos moitos chiringuitos que foron abroiando pola xeografía da Illa de Arousa estes últimos veráns. Alí estabamos Domingo Villar, Belén Constenla, Carlos Blanco (meu pai, mais queda elegante así con perspectiva) e eu. Aquela quedada, que tiña aires dun encontro normal e agradable de traballo, quedou en min como “o día que estiven con Domingo Villar”. Aquel día xa comentamos que a primeira metade do texto quedaba longa. O propio Domingo quitou cousas nos meses seguintes, e nós (Carlos e eu) aínda máis cando a produción tivo xa datas pechadas.
Poucos procesos de traballo se dan coa morte do autor polo medio. Faise raro iniciar a aventura con alguén presente e despois non poder consultarlle algo nos ensaios. É por isto polo que, en cada función, agradecemos a Domingo polo texto que fixo. Teño que confesar, que nun inicio eu era crítico coa obra, mais érao precisamente para poder mellorala o máis posible. Comentoume xente cercana a Domingo, que el estaba algo preocupado porque a min non me rematara de gustar o texto. Non era iso en si, só buscaba a maneira de que fose o mellor posible dado que o propio Domingo estaba aberto a iso. Fastidioume que marchase con esa idea.
Os ensaios comezaron en agosto de 2023. Con Carlos e Belén. No reparto tamén están Oswaldo Digón e Pablo Novoa, mais ao ter moito menos texto non era necesario que estivesen dende o primeiro momento. Dixen varias veces en entrevistas que Síbaris é un espectáculo feito principalmente por dúas familias. A de Domingo e a nosa. Apunto isto porque a escenógrafa foi Marta Villar e o xefe técnico e deseñador das luces Dani Juncal, o marido de Carlos. Isto é importante para o proceso, xa que foi tan agradable como intenso. E vivindo xuntos, un pouco máis. O feito de ter a morte do autor tan cercana, penso que axudou en certos impulsos e no entusiasmo, pero tamén fixo delicados algúns detalles do proceso.
Síbaris é unha comedia burguesa, de salón, que busca entreter sen máis pretensións. O ambiente de traballo foi en xeral fantástico. Eu tentei aproveitar a extensa experiencia de Carlos, Belén e Pablo, e tamén as capacidades como improvisador que ten Oswaldo. Houbo momentos nos que lle pedín a Digón que se fixase en posibles melloras na comicidade, xa que ten menos tempo escénico e podía facer ás veces de “asistente” nos ensaios. A clave foi sumarlle detalles de teatralidade á dramaturxia que xa tiña a boa base do autor vigués.
Axudounos moitísimo que Belén e Carlos xa se sabían o texto moi ben na primeira semana de ensaios. Non foron fáciles porque Carlos estaba nunha serie, e dependiamos dos seus horarios para poder cadrar os días de traballo. Víctor Morel é moi protagonista, sen el pouco se podía ensaiar. Pablo Novoa aportou moitísimo. Inicialmente falabamos de estéticas na música da obra, e el pouco a pouco foi compoñendo e todo o que se escoita na peza é obra súa. Soubo darlle a intimidade nos monólogos de Víctor e o entusiasmo e alegría nos momentos de comicidade.
A semana da estrea foi moi especial. O día da rolda de prensa en Vigo sentín certa “presión”. Coñecer a familia de Domingo, moitos xornalistas pendentes do evento… saír da Illa e vivir todo aquilo tivo certo “shock” en min. Despois de estrear, sentín como si a estrea fose dobre. Por unha parte, o normal de compartir un espectáculo co que levas convivindo tempo, e pola outra certa carga de expectativas ou peso emocional da cercanía da morte de Domingo.
Entreter a xente ten un valor que ás veces se menospreza. E non o entendo. Seguramente o teatro segue vivo por iso que o fai tan transcendente: o feito de non selo.