Un regreso para despedirse por todo o alto

A volta de Touriñán e Carlos Blanco aos escenarios con ‘Somos Criminais e punto final’ espertou unha expectación tan grande que xa apenas quedan entradas para esta xira de presentación que rematará no mes de xaneiro. A estrea no Auditorio de Galicia o pasado 1 de novembro, serve de explicación práctica do porqué deste fenómeno de público no teatro galego.

Volver ao Campus Norte sempre trae unha pouca de nostalxia para os que pasamos polas aulas de Filoloxía, Comunicación ou Económicas. Tamén para os que nos gusta a música e o teatro. Alí, no Auditorio de Galicia, tiven a oportunidade no 2018 de ver Somos Criminais, unha función da que non sabía case nada; estaban Touri e Carlos Blanco, con iso me chegaba.

Seis anos máis tarde, regreso ao auditorio compostelán para ver o novo espectáculo de Somos Criminais. Polo medio, centos de miles espectadores, entradas esgotadas varios días seguidos en moitos teatros, longas xiras con cada un dos dous espectáculos anteriores e, o que parecía imposible, aínda máis química entre os dous cómicos.

O Auditorio de Galicia encheuse unha vez máis para ver a Touriñán e Carlos Blanco. Foto: Aigi Boga

As colas na entrada, o photocall… ata a tarxeta de embarque co programa de man. Todo estaba listo para unha estrea para a que non había asentos libres desde fai semanas. Sobre o pano, un logo, o de Somos Criminais e punto final. Nas butacas, xente de moi diferente rango de idade. Algúns viñan por vez primeira ao teatro; outros, os que máis, volvían a unha función de Somos Criminais. “Tres veces vin a primeira e a outra, catro. Dúas aquí, outra na Coruña e outra na teuvegá”, comentaba na entrada unha señora que viña nun grupo dunhas 10 persoas.

Militancias á parte, notábanse as ganas de que comezara o espectáculo e o primeiro aplauso caeu en canto abriu o pano e Carlos e Touri saían dunha nave espacial. O espectáculo comeza por todo o alto —perdón polo xogo de palabras— e a primeira escena condensa e resume o que son eles dous sobre o escenario. Hai unha química e un saber contar e facer rir sobre os escenarios tan grande, que aínda que o espectáculo rematara aí, xa tería pagado a pena ir. Quen queira entender como funciona o humor galego, ten que ver este diálogo inicial.

Nesta presentación, coñecemos a premisa de Somos Criminais e punto final. O mundo acaba e os dous cómicos son os encargados de salvar o que fai falta para crear unha nova sociedade galega no exterior, no espazo exterior, non na Arxentina. Así, Carlos e Touriñán van seleccionando as persoas, animais e cousas que hai que levar a este novo mundo e mediante as que reforzamos a nosa forma de ser e de estar no mundo.

Hai tamén espazo para a festa na fin do mundo. Foto: Aigi Boga

A partir deste momento, o espectáculo non dá descanso e intercala os parlamentos cómicos coas dramatizacións marca da casa. Desta volta, a iluminación e a escenografía, gañan máis peso na obra, modulando o ambiente e situando o espectador nas diferentes secuencias e escenas que interpretan os dous protagonistas. Sobre as táboas aparece todo o repertorio cómico de ambos —que non é pequeno— e hai chiscadelas e tamén golpes para todo o mundo.

Esta nova estrea trae consigo tamén unha pena e é que todo o bo acaba e, tan como anuncia o título, é o último espectáculo de Somos Criminais. Un espectáculo no que repite unha vez máis Tito Asorey na dirección, quen mantén afinado o ritmo para que o que vemos no escenario sexa aínda mellor. Porque Somos Criminais ía ser Carlos Blanco e Touriñán con dous taburetes, pero acabou sendo o gran fenómeno de público nas táboas galegas.

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.